CulturaCulturaÚltima hora

O lazareto de Quereño (Rubiá), barreira fronte ao cólera de 1885

Entre as referencias da historia das epidemias en Valdeorras está a creación deste lazareto que buscaba evitar posibles contaxios dos segadores procedentes de Castela nese verán

 

1885. A provincia de Ourense prepárase para chegada da epidemia de cólera. Dende maio as autoridades dan multitude de instrucións aos concellos e, no verán, ante a inminente e masiva volta de segadores galegos dende Castela deciden tomar outras medidas preventivas: crear lazaretos estratexicamente colocados. Os lazaretos eran unha especie de instalación sanitaria, máis ou menos illada, onde se trataban enfermidades infecciosas. Nalgúns casos eran zonas de reclusión.

“As Deputacións galegas, tras unha conferencia sanitaria, acordan establecer dous lazaretos nas fronteiras de Galicia, un en Quereño, primeira estación de Galicia na liña do Noroeste e outro na Portilla da Canda, na estrada xeral de Vigo a Castela. Tamén houbo o proxecto de establecer un lazareto de observación en Monforte e habilitouse outro na estación de ferrocarril de Ourense”, tal e como recollen os investigadores David Simón Lorda e María L. Rúa Domínguez no traballo “El cólera de 1885 en Ourense” (2005).

As autoridades da época temían en setembro os posibles contaxios procedentes de fóra de Galicia polo regreso das cuadrillas de segadores que cada verán se traslaban a terras castelás, inicialmente a pé e, despois, en ferrocarril. “Contábanse por milleiros a mediados de século, e tradicionalmente desprazábanse a pé seguindo unha serie de rutas que por Ourense saían cara Castela por Quereño e pola zona de As Portelas e Porto (Zamora). Nesta última zona tamén se estableceu unha inspección sanitaria na zona de Ramilo (Viana do Bolo), tratando de cubrir no paso pola serra cara Porto (Zamora), na zona de Serra Calva e Serra Segundeira, por onde transitaban a maior parte dos segadores de Valdeorras, Trives, Quiroga e Monforte”, citando novamente o traballo de Simón Lorda e Rúa Domínguez.

 

 

A Deputación ourensá confiaba en que, cubrindo “estes puntos indicados”, podería pechar a zona ante unha “invasión colérica”. E así o Ministro de Gobernación do momento dispón que os segadores que volten a Galicia “sexan detidos por sete días nas inspeccións establecidas, alimentándoos e someténdoos a un prudente réxime hixiénico”, indican Simón Lorda e Rúa Domínguez.

A creación do lazareto recóllese en diferentes xornais galegos da época como El Anunciador: diario de La Coruña y de Galicia ou El Correo gallego: diario político de la mañana, entre outros.

“Os trens ían sempre ateigados de xente. Facían baixar aos pasaxeiros e no lazareto fumigábanos cunhas máquinas, entendíase que esa era unha forma de parar a epidemia”, asegura o historiador valdeorrés Antonio Castro Voces dende o seu confinamento en Quereño, moi preto da estación de tren que albergou o lazareto. Non sabe exactamente cal era a súa ubicación, pero está convencido de que estaba nunha das construcións anexas á propia estación, que daquela tiña gran importancia e chegou a contar con ata 27 funcionarios traballando nela.

Do equipo sanitario responsable de poñer en marcha os lazaretos de Quereño e da Canda formaba parte o doutor Ramón Quesada Borrajo, xunto con Antonio Rodríguez Iglesias. “Quesada Borrajo foi unha das figuras da sanidade ourensá de fins do século XIX. Foi o primeiro presidente da Cruz Vermella ourensá (fundada en Ourense en 1893), ademais do primeiro presidente do Colegio Medico-Farmacéutico de Orense en 1885 e logo o do primeiro Colegio de Médicos de Orense”, puntualiza David Simón Lorda.

 

O doutor Ramón Quesada. Imaxe tomada tomada de “Vida Gallega” do 10 diciembre 1916 (cedida por David Simón Lorda).

 

O funcionamento do lazareto como medida sanitaria abordábase en clave satírica no periódico “O Tío Marcos da Portela” o 13 de setembro de 1885, tal e como recollen Lorda e Rúa Domínguez e como tamén comenta Castro Voces. “É un poema no que un segador lle conta á súa muller, Maripepa, como ao chegar á estación de Quereño tiveron que baixarse para que os fumigaran”, lembra o historiador valdeorrés.

O funcionamento do lazareto valdeorrés non estivo exento de certas polémicas e diso dan conta unha serie referencias xornalísticas da época, reunidas por Isidro García Tato no segundo tomo da súa obra “Valdeorras de cara al año 2000. Pasado, presente y futuro”.

Sobre elas fala tamén Castro Voces. “Telesforo Ojea, de Fontei (A Rúa), era o director do periódico La República. Diario federal e tiña aquí un delegado que nun artigo en 1885 relata como no tren viña unha persoa enferma que faleceu en Quereño e explica as circunstancias do seu enterramento”.

No pleno provincial do 15 de setembro de 1885, a Deputación de Ourense acordaba concluír os compromisos coas demais deputacións galegas para manter as “inspeccións sanitarias de Quereño, Canda e Ramilo”, ao entender que xa rematara o regreso dos segadores e, polo tanto, o risco de contaxios.

A creación deste lazareto de Quereño é unha das referencias da historia valdeorresa en relación coas epidemias e coa súa condición de territorio fronteirizo, algo que se cría superado pero que hoxe, en pleno século XXI, volve ser actualidade.

Fotos da galería: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button
Close