CulturaCulturaÚltima hora

O libro “Xesús Taboada Chivite: Dende o seu fisterre tamagán” preséntase na Biblioteca de Verín

Esta obra, escrita por Lorena Carnero, darase a coñecer nun acto o venres 22 de novembro ás 19:30h.

Foto: Concello de Verín.

A Biblioteca de Verín será escenario o vindeiro venres 22 de novembro, ás 19:30 horas, da presentación do libro “Xesús Taboada Chivite: Dende o seu fisterre tamagán”, escrito por Lorena Carnero Pérez, rapaza voluntaria de devanditas instalacións municipais dende os 13 anos.

Esta obra, editada pola propia Biblioteca Municipal, “contén o conxunto de separatas que publicou Xesús Taboada Chivite en multitude de revistas especializadas na etnografía e a arqueoloxía, pero que foi completado cunha biografía intimista que lévanos a coñecer ao noso escritor dun xeito máis próximo, todo elo relacionado coa correspondencia que este mantivo cos seu coetáneos ao longo da súa vida”, segundo o Concello de Verín.

O acto de presentación contará coa presenza do director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar; así como do alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e da concelleira de Cultura, Emilia Somoza. No seu inicio proxectarase unha filmación inédita na que Xaquín Lorenzo (Xocas) fala do seu amigo, e compañeiro en multitude de publicacións, Taboada Chivite. Este vídeo foi realizado por Xerardo Dasairas durante unha entrevista realizada no despacho de Xaquín Lorenzo na década dos oitenta. O libro ven avalado co limiar do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes e do director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar.

“É para nós un verdadeiro orgullo a culminación desta obra por varios motivos. Por unha banda, por primeira vez se consegue a unificación da obra de D. Xesús Taboada, máis dun cento de artigos publicados en distintas revistas profesionais e, por outra banda, é unha obra realizada co todo o agarimo e rigorosidade que o noso arqueólogo, etnógrafo e mestre merece e que estivo baixo o maxisterio dos grandes da Xeración NÓS, e que tanto contribuíu ao Seminario de Estudios Galegos e a cultura galega”, tal e como aseguran dende a Biblioteca de Verín.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button