CulturaCulturaEducación

O Liceo de Ourense acolle este sábado as III Xornada do Día das Letras Galegas

Docentes das catro provincias galegas reuniranse mañá no Liceo de Ourense para formarse, reflexionar e debater arredor da figura de Carlos Casares na III Xornada do Día das Letras Galegas organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) na cidade natal do escritor.

O relatorio inaugural, que leva por título “Carlos Casares, editor e xestor Cultural”, correrá a cargo do presidente da Real Academia Galega. Tras ela, e ao longo da mañá, desenvolveranse os relatorios que abordarán desde diferentes perspectivas a figura do autor a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Xa pola tarde, daráselle paso a unha mostra de boas prácticas e experiencias dos equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) dos centros educativos relativas á difusión da obra do escritor ourensán.

Diversos investigadores do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades intervirán con relatorios centrados na produción literaria do escritor ourensán. Armando Requeixo farao coa conferencia “Carlos Casares e a literatura do seu tempo”, Mar Fernández Vázquez coa titulada “Os personaxes na literatura infantil e xuvenil” e Laura Piñeiro coa centrada en “A narrativa breve de Casares: de ‘Vento Ferido’ a ‘Os escuros soños de Clío'”.

Tamén participarán ao longo da xornada de mañá o periodista Héctor Cajaraville, quen disertará sobre “Casares e o xornalismo”; Gustavo Adolfo Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares, quen se referirá tanto ao tema “Casares e a tradución” como ás “Actuacións e actividades da Fundación”, e o profesor do IES As Lagoas Alfonso Monxardín, quen impartirá o relatorio “Casares: un ourensán universal”.

Na sesión da tarde, que se desenvolverá a partir das 16:00 horas, os EDLG de sete centros educativos presentarán experiencias positivas e innovadoras orientadas a difundir entre o alumnado a figura e a obra do autor a quen se lle dedicará o próximo 17 de maio. Trátase de “Carlos Casares, un escritor desta Galaxia”, do CEIP Plurilingüe Anxo da Garda da Coruña; “Carlos Casares Mouriño, o coleccionista de historiasW, do IES Carlos Casares de Vigo; “Telexornal Casares”, do CPI dos Dices (Rois); “Carlos Casares: DCine”, do IES Isaac Díaz Pardo de Sada; “Casares, o noso fío condutor”, do CEIP A Ponte en Lugo, “Lemos por e para vós”, do IES Castro da Uz (As Pontes de García Rodríguez); e “Casares-TonW, do CEIP do Carballal do municipio pontevedrés de Marín.

Cartel das xornadas.

 

Artigos relacionados

Back to top button