En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O lume das fogueiras ilumina Vilanova na Festa do Chourizo

A cita gastronómica enmárcase na celebración das Candelas e San Brais, a primeira fin de semana de febreiro nas Terras de Trives

Un ano máis, a Festa do Chourizo de Vilanova de Trives, celebrada na tarde-noite do 2 de febreiro fixo deste pobo, ubicado na comarca de Terras de Trives, un foco de referencia gastronómico ata o que se achegan numerosas persoas coa intención de pasar un bo rato desfrutando da música, da compañía de familiares e amigos e como non, do prezado e saboroso chourizo, facendo fronte ás baixas temperaturas propias da época, co lume das fogueiras.

Malia que con menor afluencia que outros anos quizais por mor da neve caída nas últimas horas que cubre e que cubría boa parte da montaña ourensá, a xente que levaba que levaba tempo esperando a data non dubidou en achegarase a Vilanova xa de boa tarde para preparar as fogueiras en medio dos soutos e ao abeiro dos castiñeiros, nas que máis tarde poder asar o chourizo, panceta e demais viandas (tampouco faltou o viño nin os licores). Entre eles os membros da peña de caza Sacadilla de Trives.

Este ano, prevendo que podía chover, a organización instalou unha carpa no propio campo da festa e o baile de tarde e estivo amenizado pola orquestra Solara, pero os actos comezaban xa pola mañá coa V Andaina do Chourizo organizada polo Club Montaña Trives e os cultos na honra á Virxe das Candelas.

A celebración da fin de semana continuaba hoxe cunha alborada a cargo da charanga Nova Terras de Trives, misa solemne e procesión na horna a San Brais e sesión vermú.

Fotos: Reme Martínez/ Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button