En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O lume de Seoane (Monforte de Lemos) afecta a unhas 350 hectáreas

Esta tarde quedaba controlado o incendio forestal de Cenlle que queimou 40 hectáreas

Dende as 13:22 h. deste xoves 5 de setembro está activo un incendio forestal na parroquia de Seoane (Monforte de Lemos). Segundo as últimas estimacións feitas públicas pola Consellería do Medio Rural o lume afecta unha superficie de arredor de 350 hectáreas. “Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada”, segundo a consellería.

Para o seu control mobilizáronse 2 técnicos, 5 axentes, 22 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 13 helicópteros e 4 avións.

Por outra banda, dende as 19:04h. desta tarde está controlado o lume forestal do concello ourensán de Cenlle, parroquia da Barca de Barbantes, que se iniciaba onte ás 18:58 h. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 40 hectáreas. Para o seu control lévase mobilizado 2 técnicos, 9 axentes, 32 brigadas, 18 motobombas, 1 pa, 6 helicópteros e 7 avións.

Ademais está estabilizado dende as 13:03 h. o incendio da parroquia de San Xes de Vilariño (Lobeira), tras comezar esta mañá ás 7:50 h. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 50 hectáreas dentro do Parque Natural do Xurés. No lugar levan traballado 1 técnico, 7 axentes, 19 brigadas, 7 motobombas, 2 pas, 5 avións e 6 helicópteros.

As imaxes da galería corresponden aos incendios de Monforte de Lemos e ao de Cenlle.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button