En portadaÚltima hora

O lume de Vilardemilo (Viana do Bolo) afecta a 180 hectáreas

Continúa estabilizado o incendio de Queirugás e o de Riós está extinguido

Foto Brif Laza.

 

Continúa activo o incendio forestal que se iniciaba ás 20:28h de onte, xoves, no municipio ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Vilardemilo. Dacordo coas últimas estimacións feitas públicas por Medio Rural, afecta unha superficie de arredor de 180 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Este dato converte ademais a este incendio no máis grande no que vai de verán en Galicia.

No inicio deste lume, sinala Medio Rural, localizáronse ata cinco focos diferentes, “polo que todo indica que foi intencionado. Ademais, cómpre lembrar tamén que se rexistrou a unhas horas nas que os medios aéreos apenas puideron traballar, pola proximidade do ocaso”.

Para o control deste incencio forestal mobilizáronse ata o de agora 6 axentes, 20 brigadas, 10 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 4 avións. Os medios aéreos traballan xa para continuar traballando na súa extinción. 

Verín

Continúa estabilizado desde as 12:49 h. de onte o incendio do concello ourensán de Verín, parroquia de Queirugás. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de 144 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse en total 1 técnico, 14 axentes, 25 brigadas, 13 motobombas, 2 pas, 10 helicópteros e 9 avións.

Riós

Ademais está extinguido desde as 23:09 h. de onte o lume rexistrado no concello ourensán de Riós, parroquia de Castrelo de Cima, que se iniciaba ás 22,07 h. do mércores. Segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 19,62 hectáreas, das cales 18,26 son de monte raso e as 1,36 restantes de arborado. Na súa extinción traballaron en total 7 axentes, 13 brigadas, 7 motobombas e 1 pa.

Artigos relacionados

Back to top button