O “machado puído da Mota Pequena”, Peza do Mes no Museo Arqueolóxico de Ourense

A presentación desta ferramenta megalítica, a cargo de José María Eguileta, terá lugar ás 20h. deste mércores 9 de xaneiro na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense)

Machado puído da Mota Pequena de Monte Albán (Rairiz de Veiga, Ourense)./ Foto: Fernando del Río.

Nas ladeiras entre o norte da Limia Alta e o val do Arnoia están os monumentos megalíticos da Mota Grande e a Mota Pequena de Monte Albán (Rairiz de Veiga). Deste segundo xacemento, que hoxe os expertos xa non poden identificar sobre o terreo, procede o obxecto que o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense escolleu como “Peza do Mes” neste xaneiro. Esta ferramenta megalítica localizábase na escavación realizada no século pasado por Florentino Cuevillas.

Trátase dun machado puído en xisto cuarcítico. “Seguramente machados como este, elaborados con rochas duras e tenaces, estiveron ao servizo das primeiras técnicas agrícolas, coñecidas como ignicultura ou cultivo de abatemento e roza, denominado noutras zonas slash and burn, shifting agriculture ou swidden, que se vén considerando como a máis primitiva forma de produción agraria, como a finais da década de 1970 consideraba F.R. Vivelo. Este método de cultivo (queima e abatemento/ sementeira/ colleita ata esgotar os nutrintes do solo) véñeno atribuíndo numerosos investigadores aos construtores de megálitos no nororeste Peninsular”, tal e como apunta o arqueólogo José María Eguileta Franco na publicación que sobre a “Peza do Mes”, que realiza o museo.

Será precisamente este investigador o que se encargará da presentación desta peza, que está prevista para este mércores 9 de xaneiro ás 20 horas na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense). A entrada será libre.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies