CulturaCulturaÚltima hora

O Mago Teto participará este domingo na celebración das Letras Galegas dende a canle de Youtube de Vilariño de Conso

Forma parte dunha programación especial por streaming organizada por Culturactiva S. Coop. Galega

O Mago Teto no espectáculo “As nosas letras”.

 

Tralo éxito do primeiro espectáculo por streaming de Galicia realizado por Culturactiva S. Coop. Galega co Mago Teto (máis de 200 persoas conectáronse para velo dende o Auditorio Municipal de Vilalba), este domingo 17 de maio organiza unha programación especial dende as canles de YouTube dos concellos de Vilariño de Conso, Soutomaior e Vilalba.

“Cumprindo coas medidas de seguridade, acompañados de 5 cámaras e con realización en directo, ofreceremos os espectáculos As nosas Letras do Mago Teto e Puño, puñete de Baobab Teatro dende as salas baleiras para un público que fica na casa”, explican dende Culturactiva, adiantando que se trata dunha programación especial e innovadora “pensada para que toda a familia poida gozar do teatro e a maxia a través das pantallas case como se asistise en directo, mantendo así vivas a cultura e a lingua nestes tempos de confinamento”.

O programa arrancará ás 17h. co espectáculo do Mago Teto na canle de Vilariño de Conso (con repetición ás 22h.); e continuará ás 19:30h. con Baobab Teatro na canle de Vilalba e o Mago Teto na de Soutomaior.

En As Nosas Letras, a protagonista é a literatura galega pero sen esquecer as ilusións máxicas e por suposto o humor que caracteriza os espectáculos do Mago Teto, quen nese caso fará un percorrido pola historia da lingua galega a través do ilusionismo para “espertar a curiosidade dos nenos, nenas e toda a familia e render unha homenaxe á cultura e á tradición galegas”, explican dnede a organización. Puño, puñete pola súa banda é un espectáculo de música en directo, cantigas, contos e tradición oral.

Artigos relacionados

Back to top button