Concellos

O Mago Teto recala esta fin de semana en Verín e A Rúa

O artista vianés presenta o seu espectáculo Íntimo, no marco do Festival Terra Máxica

Uns douscentos estudantes de 4º e 5º de primaria dos CEIP María Inmaculada e Amaro Refojo de Verín, participaban na mañá do 6 de abril na conferencia espectáculo do Mago Teto “A incrible historia da maxia”, apartado formativo incluído no festival de maxia de Ourense Terra Máxica que se celebra este mes en seis concellos da provincia.

Dentro da programación desta III edición do festival, o propio Mago Teto presentá mañá 7 de abril o seu espectáculo Íntimo no Auditorio Municipal. Esta actuación enfocada para toda a familia terá lugar ás 19h. e será o primeiro do tres espectáculos programados polo Festival para a vila de Verín.

Íntimo é unha viaxe na procura da esencia da maxia. Se cadra atópase na música, na pintura, na literatura… Se cadra, neste século XXI, a esencia da maxia estea na ciencia: na transformación da materia, na fusión ou na fisión nuclear, no Universo, ou, nas matemáticas: “a linguaxe do Universo” ¿Atopará o Mago Teto a esencia da maxia? Para sabelo haberá que acompañalo na súa viaxe.

Unha viaxe que ao día seguinte, domingo 8 de abril, levarao ata A Rúa, outro dos concellos que forman parte do circuíto máxico. O Mago Teto actuará ás 18h. no Centro Cultural Avenida.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button