SanidadeÚltima hora

O maior pico de contaxios por Ómicron en España prevese para o 24 de xaneiro, segundo un estudo

Poderíase chegar a 430.000 casos diarios, segundo un informe no que participan os membros de Asomega Joan B. Soriano e o trivés Julio Ancochea

Foto: Carlos G. Hervella.

 

O pico máximo de ingresos en España debidos á variante Ómicron rexistrarase en torno ao 30 de xaneiro e superará os 7.300 pacientes no peor dos escenarios posible. Así o recolle un estudo prospectivo dirixido desde o Hospital da Princesa de Madrid polo membro de Asomega (Asociación de Médicos Galegos) Joan B. Soriano, e no que participa tamén o presidente da entidade, o neumólogo trivés Julio Ancochea.

No escenario menos negativo, esa cantidade “situaríase en 4.210, cifra que xa estaría por riba das taxas observadas nas ondas anteriores”. Aínda que, como sinala Soriano, ese índice de ingresos hospitalarios, aínda sendo alto, non é tan acusado como noutros modelos estudados, como o surafricano, grazas á elevada porcentaxe de poboación vacinada en España.

Este estudo, aceptado para a súa próxima publicación en Archivos de Bronconeumología, estima que ata fins de febreiro deste ano poderían alcanzarse os 430.000 casos diarios de Covid-19 por Ómicron, cuxo pico se alcanzaría en torno ao 24 de xaneiro. “Ese sería o extremo máximo da pinza, en función das circunstancias do momento, cuxa marxe inferior sería de 250.000 casos se as condicións son máis favorables. Desta forma habería un importante aumento con respecto ás taxas diarias de infección por Covid-19 en España de entre 3,9 e 6,7 veces respecto a mediados de decembro de 2021. Este nivel de contaxio disparado fai que os máis de 7.000 ingresados do 29-30 de xaneiro sexa algo relativamente baixo”, segundo os datos de Soriano.

Os autores deste estudo consideran que “máis aló da inutilidade de debater sobre unha suposta menor gravidade da expresión clínica aguda de Covid-19 de Ómicron, as consecuencias sobre as súas secuelas e o Covid persistente requirirán un estreito seguimento”.

O informe conclúe que “os sinais de advertencia tan intensos que está a enviar esta nova onda evidencian a urxencia de reforzar as medidas universais de hixiene (interiores ventilados, distancia social e uso de máscaras), e anticipan a necesidade de novos confinamentos totais ou parciais”.

E engaden que “o número de vítimas asociado con Ómicron subliña a mensaxe da OMS de que “ninguén estará a salvo ata que o mundo enteiro estea a salvo”.

Artigos relacionados

Back to top button