En portadaÚltima hora

O Maios do Barco incluirán arcos florais e un percorrido pola vila

Os actos, que desenvolverán durante a mañá e a tarde do 1 de maio, terán como escenario principal a praza do Concello
Celebración dos Maios o pasado ano no Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Celebración dos Maios o pasado ano no Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Con varias novidades se presenta a celebración dos Maios 2016 no Barco o vindeiro día 1 de maio. A primeira delas será a ampliación da festa que se prolongará ao longo de todo o día, a diferenza dos anos anteriores, nos que só era de mañá. Os actos darán comezo ás 11 h. e serán organizados pola Concellería de Cultura e Educación en colaboración co Centro Comercial Aberto.

Así o programa incluirá actuacións de mañá e tarde e un mercadiño de artesanía e produtos gastronómicos. Dará comezo ás 11 h. e será organizado pola Concellería de Cultura e Educación en colaboración co Barco Centro Comercial Aberto (CCA). Outra das novidades, segundo se adianta na páxina web do Concello do Barco, será a “a inclusión dos Arcos florais no concurso xunto as coplas e os Maios”. Ademais a festa comezará cun percorrido dos Maios e Arcos florais dende a avenida Conde de Fenosa (á altura do Hospital) ata a praza do Concello, centro neurálxico da celebración e onde será instalada a mostra de artesanía. Tamén alí quedarán os Maios e os Arcos florais ata que finalice a xornada.

Cartaz dos Maios 2016 no Barco.
Cartaz dos Maios 2016 no Barco.

Durante a mañá non faltará a música, da man do grupo tradicional OS Bertolini de Manzaneda, asemade ás 12:30 h. serán as coplas e presentarase o chamado Voto Aberto que patrocina o CCA. A través del o público poderá votar ao seu Maio favorito. Xa durante a tarde está prevista ás 17 horas a actividade infantil “A música das árbores”, unha proposta de animación infantil e contacontos de Anxo Moure e Servando Barreiro.

Ademais ás 18:30h. a Agrupación Cultural Candaira de Castrelo do Val ofrecerá unha actuación das súas seccións de música, pandeireteiros e baile galego. O programa completarase coa entrega de premios, prevista para as 19:3h0, nas distintas modalidades (Coplas, Maios e Arcos florais) e tamén no Voto Aberto do CCA ao mellor Maio.

Os Bertolini, de Manzaneda, tocando a primeiros deste ano polo casco antigo barquense./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Os Bertolini, de Manzaneda, tocando a primeiros deste ano polo casco antigo barquense./ Foto: Ángeles Rodríguez.

As persoas interesadas en participar nesta edición do certame de Maios do Barco poderán realizar a súa inscrición ata o día 30 de abril ás 12 horas no Servizo Municipal de Cultura (Teatro Lauro Olmo, rúa da Estación, 2; O Barco) ou solicitando o modelo de inscrición no correo electrónico a cultura@concellodobarco.org.

 

Artigos relacionados

Back to top button