EntrevistasÚltima hora

“O máis grato ten sido o contacto coa xente”

Roberto Castro, analiza a súa etapa como subdelegado do Goberno en Ourense a piques de deixar o cargo
O subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, no seu despacho./ Foto: Carlos G. Hervella.

Tras máis de seis anos á fronte da Subdelegación do Goberno en Ourense, Roberto Castro García (Vilavella, A Mezquita, 1955) prepárase para o seu relevo, que, polo de agora, non ten data. Confesa que o resultado da moción de censura presentada polo partido socialista, colleuno por sorpresa “supoño que como a todos, porque non había moitas horas que no Congreso saira adiante o orzamento presentado polo goberno do PP e que, dalí a pouco, se dera esa situación tan cambiante deixounos un pouco descolocados, aínda que é algo que está contemplado na Constitución e, polo tanto, que hai que respectar”.

Unha vez abandone a Subdelegación ten previsto regresar ao seu posto de traballo no equipo de orientación vocacional da Consellería de Educacion en Ourense. “Despois, o futuro é incerto, pero en todo caso seguirei militando onde o fixen sempre, aínda que dende a Subdelegación sempre actuei con absoluta actitude institucional”, asegura.

Leva máis de trinta anos no mundo da política, ¿que ten suposto para vostede o cargo de subdelegado do Goberno en Ourense?

Para min foi algo moi importante no senso de que me permitíu estar máis perto aínda da xente. Botei moitos anos representando á cidadanía como parlamentario autonómico en Santiago pero isto achegoume máis á realidade, ás persoas por iso supón un motivo de especial satisfacción.

¿Que balance fai desta experiencia e da súa xestión á fronte da Subdelegación?

A miña xestión téñena que valorar os cidadáns en todo caso. Dende o meu punto de vista creo que sinceiramente cumprín con moita dignidade o cargo e o traballo que se me encomendou aquí e fago un balance positivo. Sempre pode haber quen non o entenda así, por iso aproveito para pedir desculpas se alguén se sentiu molesto, ofendido ou se sentiu defraudado porque eu tomara algunha decisión que lle puidera ter afectado. Síntome orgulloso de ter representado ao goberno de España en Ourense, pero tamén é certo que me quedan cuestións dolorosamente sen resolver e as dúas máis impactantes son o crime do cura de Vilanova dos Infantes e o crime de Socorro, aquí na cidade de Ourense. Son dous asuntos que aínda non se resolveron e que me deixan un pouco afectado, espero que os responsables algún día se poñan á disposición da xustiza.

 

Foto: Carlos G. Hervella.

 

¿Que foi o máis grato deste tempo na Subdelegación?

O contacto coa xente, estas portas estiveron abertas a todo o mundo e esta é a maior satisfacción que me queda, iso no aspecto da xestión. Dentro do campo persoal, hai dúas cuestións moi importantes para min xa que neste tempo naceron as miñas netiñas e iso tamén é unha satisfacción.

A seguridade quizais sexa a área coa que os cidadáns acostuman asociar á Subdelegación, pero hai moitas outras, ¿cre que neste tempo coñeceuse máis o labor que se fai dende a institución?

Tratamos de facer todo o posible por ser didácticos e por explicar a carta de servizos desta casa. Os maiores, asóciana co goberno civil doutras épocas, que non ten nada que ver, e os novos obviamente vincúlana á seguridade no tema da Garda Civil e Policía Nacional, pero logo hai outra serie de temas que tamén se fan aquí e que non se coñecen tanto como poden ser a regularización de estranxeiros, todo o que é a dirección periférica do Estado, a Seguridade Social, a Inspección de Traballo, as sancións, as armas, os explosivos, a defensa das mulleres no tema da violencia de xénero… Tratamos de explicar e facer visible isto pero ao mellor non foi posible transmitir de todo esa cuestión.

A súa etapa como subdelegado coincidiu tamén cun período bastante convulso a nivel social, con moitas protestas nas rúas…

É verdade. Pasamos unha época moi complicada da historia de España nestes anos da crise. Houbo que facer recortes, axustes, tomar medidas pouco populares, pouco aceptadas, pero agora estanse vendo os froitos dese esforzo colectivo, afortunadamente. Sen embargo, cando se tomaron esas medidas foi moi complicado. Houbo dúas folgas xerais, 460 manifestacións e concentracións nalgúns deses anos da crise no 2012, 2013, 2014… Pero, en xeral, a xente comportouse como corresponde, con respecto ás autoridades, ás normas e aínda que se manifestaron non houbo vandalismo, nin destrozos.

 

Foto: Carlos G. Hervella.

 

A través da Subdelegación, houbo contactos para conseguir avances en materia de infraestruturas e noutras cuestións relativas ao goberno central, ¿cre que eses acordos se respectarán agora co novo goberno?

Espero que si. Un goberno nace con vocación de servizo, eu enténdoo así e espero e confío en que sexa así. Cando hai unha infraestrutura en marcha como é o AVE penso que o goberno actual preocuparase de que non se entorpeza o desenvolvemento desa obra tan importante que lle permitirá a Ourense estar a dúas horas e cuarto de Madrid e coa que se abre un novo horizonte de comunicación e de intercambio de persoas, de culturas e de riqueza, en definitiva.

En base á súa experiencia política, ¿que opina do momento actual que vive o PP? ¿é optimista con respecto ao futuro do partido?

Persoalmente son optimista e neste caso tamén, pero pensando en premisas importantes. A primeira delas é elixir un candidato, entre os que se postulen, que concite unidade, que teña a súa experiencia e que estea disposto a levar adiante un proxecto como o que temos nós, que é o de servir á cidadanía en todos os campos. Espero que haxa esa unidade razoable, que non perdamos o tempo en discutir entre nós que hai que facer, senón que máis alá do verán todos xuntos esteamos pensando en como servir mellor aos cidadáns. Esa vai ser a maneira de recuperar, non só o poder político que en todo caso iso pode ser actor secundario, senón unha serie de valores, de formas de entender a política e a vida que, por desgraza, non se dan moito. Ultimamente hai máis tendencia á liorta e á discusión estéril que á búsqueda de puntos en común que nos leven a mellorar á xente, iso é o máis importante. Por defender aos cidadáns os políticos estamos obrigados a buscar eses puntos de encontro, que sempre os haberá.

 

Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button