O Malecón do Barco énchese de retratos “pop art” de María Victoria Moreno

Ponse en marcha a campaña das Letras Galegas, promovida polos centros educativos do municipio e polo CCA, que incluirá unha xincana polos comercios

Das árbores do Paseo do Malecón barquense penduran letras de cores e multitude de lenzos, retratos que repiten unha mesma imaxe: a de María Victoria Moreno. Esta mestra e escritora, homenaxeada nas Letras Galegas deste ano, aparece unha e outra vez nos cadros realizados polos alumnos de todos os centros educativos do Barco e dun de Monforte de Lemos e que agora enchen de cromatismo as proximidades do río Sil.

Este xigantesco tendal de lenzos, que se colocaba na tarde do 14 de maio no Malecón, é unha das actividades da campaña “Na procura de María Victoria Moreno-Viaxe á Mocidade”, promovida polos equipos de Dinamización Lingüística dos colexios Julio Gurriarán, Condesa Fenosa, Otero Pedrayo e Divina Pastora, e os IES Martaguisela e Lauro Olmo, aos que este ano se suma o Infanta Elena de Monforte de Lemos. Neste proxecto participa ademais O Barco Centro Comercial Aberto (CCA).

Ademais do labor realizado co alumnado nos centros, a campaña pretende ir máis aló e implicar tamén na celebración das Letras Galegas á sociedade en xeral. “Queremos conseguir a participación de toda a vila organizando un itinerario a modo de xincana que implique aos establecementos comerciais. Colocaremos lenzos, elaborados polos alumnos, nos escaparates coa caricatura de María Victoria Moreno seguindo a estética do pop art, xa que nos pareceu moi axeitado vincular a esta figura literaria con este movemento artístico ao ser unha pioneira na literatura para a mocidade. Xunto a cada lenzo aparecerá o título dunha obra de escritoras galegas e, entre eles tamén os títulos de obras da homenaxeada”, explica Marta Cortés, coordinadora de Dinamización Lingüística do IES Martaguisela.

Esta xincana poderá realizarse entre os días 16 e 30 de maio. Dende o CCA editáronse folletos e distribuíranse polas tendas participantes na campaña. Neles incluírase “un listado dos títulos de cada escaparate cun espazo para colocar o selo do local correspondente no que se poden ler ditos títulos. Xa só quedará facer o percorrido polos locais marcando os títulos de María Victoria Moreno”, indica Marta Cortés. Tras completar o percorrido, ese folleto depositarase nunha urna instalada na oficina do CCA. Entre os participantes na xincana sortearase un premio.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies