En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Meco e as Pampórnigas abren a procesión da Romaría da Ermida (Quiroga)

Estas figuras tan só aparecen dúas veces ao ano con motivo da festa da Virxe dos Remedios

Por segundo día consecutivo, neste 9 de setembro a danza do Meco, un enmascardo barbado e vestido completamente de vermello, abríalle paso á Virxe dos Remedios na procesión da Romaría da Ermida (Quiroga). Tras el ían as Pampórnigas, dous xigantes propios da celebración, e os gaiteiros, seguidos da imaxe da Virxe, levada por mulleres ataviadas co traxe tradicional galego.

A comitiva relixiosa saía ás 13h. da igrexa da Ermida para realizar un percorrido pola localidade que daba paso á misa. Nese momento, as Pampórnigas desaparecían e o Meco convertíase en protagonista, escenificando un singular ritual no adro. Os veciños, tanto maiores como cativos, burlábanse del tirándolle moedas ao chan e el, tras recollelas, corría tras os provocadores defendéndose co seu pau rematado en toxos.

Estas mesmas escenas, tanto as da procesión como a do Meco no adro, tiñan lugar tamén na xornada do 8 de setembro, que era ademais o día grande da celebración. O Meco como as Pampórnigas saen soamente dúas veces ao ano: os días 8 e 9 de setembro con motivo das festas da Virxe dos Remedios na Ermida.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button