“O medio rural non está tan presente como debería na axenda política de Galicia”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinala que despois do verán o seu partido comezará a elaboración de candidaturas para as eleccións municipais do 2019

Nunha “nova etapa” a nivel estatal e tamén no conxunto de Galicia sitúase o partido socialista. Así o destacaba o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na tarde do 20 de xullo na Pobra de Trives. Acudía, xunto a membros da executiva galega e provincial deste partido, á presentación da nova agrupación local dos socialistas en Trives. Antes, percorría a vila e tamén mantiña un encontro con nais e pais afectados pola perda do servizo de Pediatría no Centro de Saúde trivés durante o verán.

Esta é a súa primeira visita a Trives como secretario xeral do partido en Galicia…

Si, queremos manter a presenza no conxunto do país. Ás veces a Galicia do interior e do medio rural non está tan presente como debería na axenda política do conxunto de Galicia, polo tanto, cremos que é moi importante potenciala. Cremos que con Pedro Sánchez ábrese unha nova etapa para os socialistas que debemos reforzar tamén coa nova etapa que temos no PSdeG, hai que tratar de recuperar músculo e chegar ao conxunto de Galicia, a todos os concellos. Por iso estamos moi satisfeitos de poder abrir unha agrupación nun concello como Trives, que representa á Galicia máis interior cun compoñente rural e que ademais está sufrindo de forma moi significativa os recortes nos servizos públicos que está aplicando a dereita do PP e de Feijóo.

¿Transmitíronlle algunha demanda nas xuntanzas que mantivo?

Acabo de estar reunido con nais e con pais de nenos que deixan de ter asistencia pediátrica nos meses de verán aquí en Trives, algo que tamén afecta a concellos da bisbarra e que nos preocupa. O deterioro e os recortes na sanidade pública que aplica o PP é unha lousa que lle poñen ás familias do medio rural, e isto ao final resta capacidade de servizos públicos. Vémolo tamén en cuestións de educación, de servizos postais, en distintos servizos públicos, e especialmente na sanidade, que é unha prioridade para os socialistas fronte aos recortes da dereita. No Parlamento galego temos trasladado medidas para impulsar a atención pediátrica nos distintos concellos, tamén en Trives, e imos seguir manténdoo. Dende logo dámoslle todo o noso respaldo á asociación de nais e de pais de Trives, que reclaman un trato de igualdade de oportunidades para os seus fillos en atención pediátrica.

 

Gonzalo Caballero durante a entrevista concedida en Trives ao Periódico O Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.

 ¿Con que plantexamentos asume o PSdeG as vindeiras eleccións municipais do 2019? ¿vanse presentar listas en todos os concellos da provincia?

Estamos traballando niso. Como dicía, hai unha nova etapa no partido e despois do verán imos iniciar o ciclo de confección de candidaturas nos distintos concellos. Agora estamos recuperando músculo e facendo agrupacións para, a partir de aí, poder acudir ás próximas convocatorias cun partido socialista máis forte, que chegue a máis concellos e que poida conectar coas demandas dunha cidadanía que ve que o ciclo do PP está rematando e que hai que sacar a Feijóo da Xunta de Galicia.

A Deputación de Ourense segue sendo agora a única galega que está en mans de PP, será tamén un obxectivo para os socialistas…

Á provincia de Ourense non lle vai ben co PP. Ourense perde cidadáns, perde oportunidades de futuro, perde pulo económico e industrial, o medio rural está desatendido… A provincia necesita un cambio, as políticas municipais do PP non funcionan e o mellor exemplo é Ourense cidade, con catro anos de goberno do PP nos que é a única cidade de Galicia sen un só orzamento aprobado e, fronte a iso, os socialistas somos garantía de bo goberno nas cidades onde gobernamos, en concellos tamén como O Barco, O Carballiño, Verín, Castro Caldelas, Ribadavia… Alí onde gobernamos recuperamos pulo e onde non gobernamos queremos empezar a sementar un futuro de cambio para Galicia e para a provincia de Ourense.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

O secretario xeral do PSdeG, durante a súa intervención na presentación da nova agrupación local do partido socialista en Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies