En portadaGalerías de fotosSanidadeÚltima hora

O medio século da AECC, nunha mostra fotográfica no Hospital de Valdeorras

Poderá visitarse ata o 15 de outubro e percorrerá varios municipios da provincia para achegar a importancia da investigación oncolóxica ao maior número posible de persoas

 

Con motivo do 50 aniversario da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) investigando a enfermidade, esta mañá vén de presentarse unha exposición fotográfica no Hospital Público de Valdeorras que recolle exemplos significativos dos avances científicos que nos últimos anos contribuíron a mellorar a vida das persoas.

Este acto contaba coa asistencia do presidente da AECC Ourense, Germán Rodríguez- Saá, no que ten sido a súa primeira visita como tal a Valdeorras. Ademais estaba acompañado pola delegada da asociación no Barco, Gloria Pérez, así como polo grupo de voluntarias, e pola psicooncóloga da entidade en Valdeorras, Jacqueline Rodríguez. Tamén acudía a directora do Distrito Sanitario de Valdeorras, entre outros representantes da dirección do hospital.

A exposición “50 anos cambiando a historia do cancro”, coincidindo co mes da investigación nesta enfermidade, mostra os fitos máis importantes do avance científico en oncoloxía a nivel nacional e autonómico. Poderá visitarse ata o 15 de outubro e percorrerá varios municipios da provincia para achegar a importancia da investigación oncolóxica ao maior número posible de persoas.

“É o momento para reivindicar máis investigación. Hoxe en día, se cabe vese moito máis a súa importancia, pola pandemia que tivemos. Grazas á investigación podemos estar xa case acadando unha normalidade, entón temos que seguir apostando por iso que pode verse aquí constitúe unha pequenas mostras que facemos como para reivindicar iso”, aseguraba o presidente da AECC Ourense, Germán Rodríguez-Saá.

Desde o día 24 esta mostra xa se pode visitar na rúa Curros Enríquez 1 de Ourense e no Espazo Ágora do CHUO e tamén no Hospital de Verín, desde onte.

A supervivencia, reto da investigación en cancro

En 1971, nun momento no que a sociedade non estaba tan concienciada da importancia que tiña a ciencia no coñecemento das enfermidades, a Asociación creou a Fundación Científica da AECC co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con cancro e de aumentar a supervivencia desta enfermidade.

Nesta metade de século avanzouse en programas de detección precoz, o que facilitou realizar diagnósticos temperáns, conseguíronse mellores tratamentos, máis eficaces e cada vez menos invasivos, o que supuxo mellorar a supervivencia en cancro, que foi aumentando progresivamente.
En 1953, a supervivencia a 5 anos de media para os distintos tipos de cancro era do 25%.

Actualmente, a supervivencia a 5 anos aumentou ata o 55,3% en homes e o 61,7% en mulleres, grazas aos avances conseguidos por miles de investigadores e investigadoras. Cancro de mama, por exemplo, é un dos tumores máis investigados e que hoxe conta con métodos de detección precoz, o que fixo que a supervivencia a 5 anos nesta enfermidade estea preto do 90%.

Con todo, aínda quedan moitos fitos que alcanzar, din dende a AECC, como “reducir a inequidade que existe entre as persoas con cancro respecto a a investigación, pois hoxe en día hai tumores con supervivencia baixa ou estancada dos que en 2020 foron diagnosticadas máis de 100.000 persoas. Nese sentido, é necesario que todos os tumores sexan investigados, pois hai evidencia de que, en xeral, aqueles tipos de cancro con mellores datos de supervivencia tamén contan cunha maior investigación”.

Nestes 50 anos a AECC investiu esforzos para dar resposta aos grandes retos do cancro, impulsando no seu momento, o talento de mozos que hoxe son líderes internacionais. Hoxe en día a entidade conta con 1.000 investigadores en 401 proxectos, por un total de 79 millóns de euros.

“Escribiuse unha historia grazas a millóns de persoas que coas súas achegas fortaleceron a investigación en cancro. Xunto á sociedade”, a AECC seguirá investigando “para seguir salvando vidas e seguir cambiando a historia do cancro”, aseguran.

Máis información:
https://osil.info/german-rodriguez-saa-queremos-que-os-servizos-da-aecc-cheguen-ao-conxunto-da-provincia/

Artigos relacionados

Back to top button