En portadaÚltima hora

O mellor do atletismo en ruta nacional participará no Campionato de España de 10 km, o 8 do maio no Barco

Segundo as previsións, a cita nacional reuniá a máis de 500 destacados corredores tanto en categoría masculina como feminina

 

Máis de 500 corredores, os mellores do atletismo en ruta a nivel nacional, tanto a na categoría masculina como feminina, participarán o vindeiro 8 de maio no XIII Campionato de España de 10 km que se celebrará no Barco de Valdeorras para as categorías absoluta e máster. Tamén se celebrará, por primieira vez unha carreira popular ’10 km en ruta O Barco de Valdeorras’  “á que se convida a participar a todo o mundo da vila, da comarca e de fóra porque o circuíto é espectacular, chairo e recto co cal igual asistimos a algún récord”.

Así o anunciaba o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso, na presentación do evento deportivo que porá no mapa nacional ao Barco. O acto, celebrado na mañá deste martes 26 de abril no Salón de Actos do Edificio Multiusos, contou tamén coa presenza do vicepresidente 1º e tesoureiro da Federación Galega de Atletismo, Lalo Gómez e Carlos Castro, respectivamente; do delegado da Federación en Valdeorras, Manuel Rodríguez; do presidente do Club Adas Cupa, Tinín González; e do alcalde do Barco, Alfredo García.

 

O vicepresidente 1º da FGA, Lalo Sánchez.

 

Tal como explicaron, a carreira desenvolverase ao longo da vía central da vila barquense -con saída preto da praza do Concello, na rúa Marcelino Suárez, ata preto da rotonda da Proba- á que darán tres voltas para completar os 10 quilómetros “do circuíto homologado hai apenas unha semana, o Domingo de Pascua”, dixo Lalo Sánchez, adiantando que segundo as previsións que barallan, a proba comezará ás 10:30 horas coa categoría absoluta feminina e máster homes de 55 anos en adiante. En torno ás 11:45 horas saíra a absoluta masculina e máster homes ata 55 anos; e xa ás 12:30 horas será a carreira popular. Un campionato de España organizado man a man polo Concello do Barco en colaboración coa Federación Española de Atletismo, a Federación Galega e o Club Adas Cupa, “que estará á altura dun gran evento e será moi interesante para todos os atletas”.

 

 

A nivel deportistas galegos, a cabeza destacada na categoría absoluta estará formada polo ourensán Alejandro Fernández “que vén de competir moi ben na Coruña 10 sendo dos galego mellor colocados agora mesmo”, Rubén Diz, o valdeorrés Alejo Ares, Iván Docampo e María Cedrón, sendo Galicia a comunidade que máis atletas está aportando a este campionato, tal como explicou o secretario da FGA, Carlos Castro. Con respecto ao Club Adas Cupa, o seu presidente asegura que se centran moito na ruta. “Creo que somos o único club galego que foi nos últimos anos aos campionatos de España de 10km e media maratón en Galicia e estaremos presentes na maioría das categorías, destacando o equipo absoluto masculino co cal iremos coa ilusión de acercarnos ao podio, aínda que será difícil”, dixo Tinín.

 

 

A inscrición na carreira popular pode facerse a través da web: https://www.carreirasgalegas.com/ e no campionato de España a través da web da RFEA (por clubs a través da intranet: https://isis.rfea.es/sirfea2/ ou directamente a través do Portal do Atleta: https://portaldelatleta.rfea.es/main.js )pata o 2 de maio.

A nivel loxístico ese día a vía central da vila estará cortada ao tráfico dende primeira hora da mañá pero “emitirase un mapa coas posibles alternativas para entrar e saír do Barco”, asegura o concelleiro de Deportes, convidando a todo o mundo saír á rúa e animar aos corredores ao longo da estrada.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button