Concellos

O Memorial Anxo De Sousa Pérez da Rúa, recadará fondos para a Fundación Andrea

A terceira edición da andaina ata o Barranco Rubio celebrarase o sábado 31 de marzo
A irmá de Anxo, o concelleiro de Deportes da Rúa, a nai e a madriña de Anxo, na presentación./ Foto: Mónica G. Bellver.

Hai uns anos, o xove Anxo falecía vítima dunha dura e longa enfermidade. Durante o tempo que estivo ingresado en Santiago, tanto o enfermo como a súa familia recibiron a inestimable axuda da Fundación Andrea, entidade sen ánimo de lucro que ten como finalidade a atención e o apoio tanto económico, moral como informativo ás familias que, contando con escasos recursos económicos teñan que coidar aos seus fillos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, e que este ano levan axudado a unhas 300 familias.

Tal é o agradecemento da familia de Anxo para con esta fundación que dende hai tres anos, celébrase na Rúa unha andaina solidaria para lembrar ao mozo e recadar fondos para que a entidade poida seguir axudando a tanta xente que o necesita. Así o aseguraba a nai de Anxo, Mª Teresa Pérez, na presentación do III Memorial Anxo De Sousa Pérez que se celebrará o 31 de marzo.

Na presentación tamén estiveron a irmá de Anxo, Noelia De Sousa e a prima e madriña do neno, Verónica Pérez, ademais do concelleiro de Deportes da Rúa Avelino Fernández quen amosou o apoio do Concello da Rúa ao evento solidario.

Igual que nas anteriores edicións, quen desexe participar poderá facelo andando, en bicicleta ou en moto con saída ás 16h. dende a praza de Fontei ata o Miradoiro do Barranco Rubio onde está o monumento adicado a Anxo. A distancia aproximada é duns 5km de subida e outros 5 de baixada e de regreso ao punto de partida, sortearanse entre os participantes, agasallos donados por distintos establecementos e persoas particulares “temos máis de 150 colaboradores aos que lles damos as grazas”, dixo Noelia, asegurando que cada vez son máis.

A inscrición é de 10 euros e está aberta a todas as idades, podendo realizarse de dúas formas. Unha, por transferencia bancaria ao seguinte número de conta: IBAN ES10 2080 0405 4230 4003 0236 cubrindo o formulario en https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfVYWNNjwckluydoZAdgm_b65dzrXX9FOWyRH6qO8316g76ZA/viewform?c=0&w=1. A outra, realizando o pago en Librería Lipor (A Rúa) e tendas Tri-sport (A Rúa e O Barco). A día de hoxe, a unha semana para a data, xa teñen uns 170 inscritos. Tamén hai fila 0 para que queira colaborar economicamente sen partipar na andaina.

Artigos relacionados

Back to top button