En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Ministerio de Fomento plantexa á UE a inclusión da liña Monforte-Venta de Baños no corredor ferroviario do atlántico

O Barco de Valdeorras acollía unha cumbre á que asistía o representante da Comisión Europea Ferrán Tarradellas

O interior do noroeste peninsular está de noraboa. Polo menos no que se refire ao proxecto do corredor ferroviario do Atlántico que era tratado nunha cumbre organizada polo Eixo Atlántico e o Concello do Barco de Valdeorras. A reunión tiña lugar na mañá do 16 de marzo na Casa do Río Cigüeño, contando con todo o colectivo social con capacidade de desenvolver o territorio: responsables políticos, alcaldes, centrais sindicais, empresarios, portavoces parlamentarios galegos dos territorios implicados, Galicia e Castela León. E por suposto técnicos e o representante da Comisión Europea en Barcelona Ferrán Tarradellas. E el era precisamente quen daba a boa nova aos asistentes: “finalmente, este corredor  foi presentado polo Goberno de España como prioritario para discutir proximamente e que sexa aprobado por Bruxelas”.

De “especialmente proveitosa e produtiva” calificaba a reunión o alcalde do Barco e presidente do Eixo, Alfredo García, quen se amosou satisfeito pola “unanimidade total entre todos os presentes para apoiar este corredor”. Trala intensa xornada na que expertos explicaron polo miúdo a situación do corredor, García aseguraba que “agora o principal é que por parte do Goberno Central se inicie canto antes o proceso que conduza á construción da vía que vai dende Venta de Baños a Monforte, porque é a única garantía que temos de que o interior de Galicia, El Bierzo e León teñan capacidade para desenvolverse”.

 

A mesa inicial da reunión coa presenza dos expertos.

 

O secretario xeral do Eixo Xoán Vázquez, pola súa banda, foi rotundo nas súas declaracións asegurando que “hoxe constatouse que o interior tamén existe. De feito o futuro da costa debateuse hoxe no interior, porque esta liña é a que garantizará a supervivencia dos portos galegos ou afundiraos, porque non estamos falando do interior, nin da comarca de Valdeorras, ni do Bierzo nin da Maragatería, estamos falando do futuro dos portos atlánticos galegos e do conxunto de Galicia”. E mostra desa relevancia foi a presenza dos representantes da Comisión Europea e de Adif, “unha reunión coas Institucións que tiñan que estar e das poucas na que houbo empresarios, sindicatos, portavoces parlamentarios galegos, responsables políticos do Bierzo e de Astorga,… xente de partidos distintos, todos cun obxectivo común”. Vázquez Mao asegurou que “se hoxe a Comisión Europea nos deu a nova de que España, nese perídodo que se abríu de revisión dos corredores, plantexou esta liña, débese a dous motivos: a mobilización política e cidadá que dende hai anos vimos facendo liderada polas administracións locais; e porque agora hai un ministro suficientemente receptivo e coñecedor da realidade do territorio para dar protagonismo a este tema”. Pechando a súa intervención plantexou unha alerta: “non cometamos erros históricos de localismos como pasou con portos e aeroportos. Só hai unha liña posible: Lugo-Ourense-Monforte-O Barco-Ponferrada-Astorga-Palencia. Calquera outra é dividirnos, debilitarnos e facela inviable”.

 

O representantes da Comisión Europea Ferrán Tarradellas, durante a súa exposición.

 

A alcaldesa de Ponferrada, Gloria F. Merayo tamén defende esta liña como “prioritaria”, xa que é a entrada tradicional de mercadorías a Galicia e asegura que agora “toca estar unidos e hoxe aquí demostramos que pese ás distintas forzas políticas podemos e sabemos estalo”. Destacou que non é só un proxecto de Galicia ou León como provincia e incluso Palencia, é o proxecto de dúas rexións pero tamén de Estado, para que o noroeste español poda incorporarse definitivamente ao tren da modernidade co transporte de mercadorías”. O tenente de alcalde de Astorga, Pablo Peyuca González asistía en representación do alcalde, asegurou compartir totalmente a unión para conseguir o ben común. “Entendo que só hai unha opción e así a respaldaremos”.  Gerardo Álvarez, presidente do Consejo Comarcal, aseguraba que a que recibiron hoxe foi “a nova máis importante sobre todo para que O Bierzo a quen represento pero toda a Galicia interior e León que non temos mar non quede illada e perdida. Este é o último tren ao que temos que subirnos o Bierzo e nunca mellor dito para salvar a nosa situación”.

 

O mapa do corredor ferroviario do Atlántico.

 

Ademais dos de Valdeorras ou Ponferrada, outro dos alcaldes presentes na cumbre foi o de Monforte José Tomé, para quen  “o obxectivo deste encontro é lanzar unha voz de alarma antes de que perdamos o último tren, coas consecuencias que iso suporía”, dixo, explicando que “os cinco portos galegos, unidos aos portugueses, constitúen un potentísimo sistema de comunicacións por mar na fachada atlántica da Península Ibérica, o que configura un extraordinario potencial de desenvolvemento económico que debe incluír toda a Galicia interior, o Bierzo e o norte de Portugal”.

 

O alcalde do Barco e presidente do Eixo Alfredo García.

 

O seguinte paso a levar a cabo dende o Eixo Atlántico será solicitar unha entrevista con carácter de urxencia ao Ministro de Fomento, ao presidente da Junta de Castilla Léon e ao presidente da Xunta “para trasladarse personalmente o resultado desta reunión, a intención de que isto continúe e de recibir o apoio unánime”, concluíu o anfitrion na cumbre, Alfredo García.

 

Os asistentes á cumbre no exterior da Casa do Río Cigüeño.

Máis imaxes no seguinte enlace: https://osil.info/a-reunion-sobre-o-corredor-ferroviario-do-atlantico-en-imaxes/

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button