OurenseÚltima hora

O Ministerio de Transportes colabora con concellos ourensáns na desinfección de polígonos industriais

Nesta xornada estanse a realizar estas tarefas nos parques de San Cibrao das Viñas e de Barreiros

Labores de desinfección nos polígonos do concello de San Cibrao das Viñas./ Foto cedida.

 

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana colabora hoxe na realización de labores de desinfección nos Polígonos Industriais de San Cibrao das Viñas e de Barreiros do concello de San Cibrao das Viñas. Así o vén de anunciar o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso.

“Esta iniciativa estase a desenvolver en colaboración cos concellos que o soliciten. Neste sentido, a Unidade de Estradas do Estado na provincia pon a disposición os vehículos e os seus condutores empregados habitualmente para esparexer salmoira nas estradas afectadas pola neve. Os vehículos foron adaptados para nebulizar unha mestura de hipoclorito con auga e contan cunha capacidade de 9.000 litros”, tal e como indica Emilio González Afonso.

Os traballos de desinfección levaranse a cabo durante a mañá de hoxe nos viais dos Polígonos Industriais de San Cibrao das Viñas e de Barreiros, en cumprimento da planificación feita polo Concello de San Cibrao das Viñas. A actuación realízase en coordinación cos Bombeiros de San Cibrao das Viñas.

 

 

Con anterioridade, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana xa colaborara na realización deste tipo de labores preventivas nos Concellos de Ourense, Xinzo de Limia e O Carballiño os días 22 e 23 de abril.

As próximas actuacións levaranse a cabo no concello de Ourense, así como na Comandancia da Garda Civil de Ourense o día 29 a partir das 22:00 horas e no concello de Xinzo de Limia o día 30 a partir das 16:00 horas. Os traballos de limpeza realizaranse nos itinerarios solicitados polos propios concellos.

Esta iniciativa está orientada a realizar labores de desinfección en rúas e vías públicas, centrándose naquelas zonas de maior utilización e concentración cidadá. Coa mesma preténdese completar as tarefas de desinfección levadas a cabo pola Unidade Militar de Emerxencias (UME), dentro da Operación Balmis de loita contra o coronavirus, na provincia de Ourense que se levaron a cabo en centros sanitarios (CHUO, Hospital de Piñor, Hospital Público de Verín e Hospital Comarcal de Valdeorras), 29 residencias de maiores e noutras instalacións consideradas sensibles polo elevado número de persoas que se concentran nelas, como as estacións de autobuses e trens de Ourense e o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar.

 

Artigos relacionados

Back to top button