Galerías de fotosPolítica

O ministro de Cultura en funcións visita o Museo Claustro Mercedario de Verín

José Guirao achegouse asemade aos concellos de Ribadavia, Xinzo e Ourense para apoiar aos candidatos socialistas

Os diferentes formacións políticas que concorren ás eleccións municipais deste domingo, apuran as últimas xornadas. No caso do PSdeG-PSOE, o candidato á alcaldía de Ourense Rafael R. Villarino leva dous días reuníndose con membros do Goberno central que se achegaron ata a cidade das Burgas para darlle o seu apoio.

Onte, mércores 22 de maio, era a ministra de Traballo en funcións Magdalena Valerio quen visitaba lugares emblemáticos como As Burgas, e hoxe tocáballe o turno ao ministro de Cultura. Acompañado polo líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, José Guirao participaba este xoves en Ourense nun acto público no que arroupou a Villarino.

 

O alcalde e candidato socialista á alcaldía de Verín, Gerardo Seoane.

 

Guirao concluía así a súa visita a Galicia que arrancaba en Ponteareas e na que tamén visitou Ribadavia, Xinzo e Verín. Neste último municipio ourensán, acompañado entre outros candidatos socialistas polo alcalde e candidato á alcaldía verinesa, Gerardo Seoane, visitou o Museo Claustro Mercedario, unha infraestrutura que puxo en valor pola súa “difusión da cultura local”. No mesmo lugar tamén destacou o labor da Biblioteca Pública Municipal á que el mesmo lle entregaba, en setembro do ano pasado, un premio de carácter nacional polo fomento da lectura e o labor dos voluntarios.

Gerardo Seoane, pola súa banda, asegurou que a idea do seu partido de cara ás eleccións é “continuar co labor de humanización pero sobre todo de transformación do noso concello nunha cidade de coñecemento. Queremos ser a cidade da cultura do sur de Galicia”, dixo, lembrando que nos catro anos que estiveron na alcaldía conseguiron unha parte. “Este museo tróuxonos 22.500 persoas, outras tantas viñeron ao cine, tivemos exposicións, presentacións de libros, o ciclo de novela histórica, o festival de curtas,… Un montón de actividades que cada vez están atraendo a máis xente dun certo nivel cultural que é o que nos interesa, e seguiremos nesa liña”, asegurou.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button