OurenseÚltima hora

O Ministro de Sanidade inaugura a XV edición de Termatalia

Preto de 300 stands e 39 países, na feira internacional de turismo termal, aberta ata o 26 de setembro

Pasaban das 11:20h. da mañá do 24 de setembro, cando o Ministro de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdades do Goberno de España, Alfonso Alonso Aranegui, entraba no recinto feiral de Expourense. Ese momento marcaba o inicio da inauguración oficial da 15ª edición de Termatalia, a Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar que se estenderá ata o 26 de setembro.

O primeiro en falar era o director da feira, Alejandro Rubín quen daba a benvida aos presentes, moitos deles estranxeiros (especialmente provintes de América Latina), adiantando que no 2016, Termatalia celebrarase en México. Despois tomaba a palabra a directora da Axencia de Turismo Nava Castro, quen explicou que esta nova edición constátase como “a feira de Turismo Termal máis importante a un lado e ao outro do océano Atlántico” aproveitando a ocasión para enumerar algúns dos engados turísticos que ten a provincia como a Ribeira Sacra ou a gastronomía.

O seguinte no turno de intevencións era o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, quen asegurou que “Ourense é a capital do termalismo, con Termatalia como escaparate” e que “coa participación de 25 países, preto de 300 expositores e Arxentina como convidado especial, fomentará o intercambio de experiencias entre continentes dende un punto de vista empresarial, institucional e social”.

Ricardo Sosa, secretario de Turismo da provincia de Santiago del Esteo (Arxentina) agradecía o trato e loaba o aumento en número de expositores e países presentes “nós deixamos o listón moi alto e aínda se superou”, mentres que o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez convidou aos asistentes a coñecer e disfrutar da cidade e de tódolos seus recursos.

O acto pechábao o Ministro de Sanidade, Alfonso Alonso quen asegurou que “Termatalia convirte a Ourense na capital termal do mundo”, antes de adiantar que o “Consello de Ministros aprobará mañá a ampliación de crédito de 72 millóns de euros que permitirá asegurar as prazas para 2016 e 2017”, sendo o presuposto asignado polo Imserso a este programa de 36 millóns de euros cada ano.

Tralo turno de intervencións, o corte da cinta e o percorrido polos diferentes estands, comenzaban tres días de intensa actividade neste 10º aniversario de Termatalia como feria internacional, superando os datos de participación ata o momento. Entre os asistentes, estaba a empresaria barquense Charo López cun stand das súas propias creacións en moda.

Artigos relacionados

Back to top button