CulturaCulturaÚltima hora

O monfortino Dani de la Torre, protagonista dunha das seccións do Festival de Cans

A organización deste certame vén de porá á venda on line o 19 de abril as primeiras 500 entradas para a sección oficial

 

Daniel de la Torre, director de "El Desconocido", no centro, nunha edición anterior do Festival de Cans./ Foto: Festival de Cans.
Daniel de la Torre, director de “El Desconocido”, no centro, nunha edición anterior do Festival de Cans./ Foto: Festival de Cans.

 

O público que acuda ao XIII Festival de Cans, previsto do 18 ao 21 de maio, poderá coñecer de preto os detalles e entresixos da realización da longametraxe “El Desconocido”. O seu director, o monfortino Dani de la Torre, será o protagonista da sección “Rebobinando: o filme contado”. Xunto a el estarán tamén os premios Goya Jorge Coira e David Machado.

Este será un dos múltiples contidos desta edición do festival. A partires do 19 de abril ás  12h00 estarán á venda on line as primeiras 500 entradas para este certame, que dan acceso á proxección da sección oficial de curtametraxes a concurso do sábado 21 de maio, 200 delas para a sesión matinal e 300 para a sesión de tarde. Estas entradas poderán adquirirse a través da tenda oficial (http://tenda.festivaldecans.com) en packs de entrada+camiseta pensados exclusivamente para os máis fieis seguidores do certame, segundo se avanza dende a organización.

Asemade, apúntase que “como agasallo e agradecemento a esa fidelidade incondicional por cada entrada recibirase tamén unha chapa exclusiva e de tirada limitada, que só se poderá conseguir por esta vía. Ademais, os compradores poderán recoller tamén de forma gratuíta durante os días do festival o catálogo con información ampliada de todas as actividades”, citando á organización.

O custe do pack completo é de 20€ (+1’5€ de gastos de xestión), cunha oferta de lanzamento con respecto ao prezo real que serían 27€ (12€ entrada + 12 € camiseta + 2€ catálogo + 1€ chapa). Os packs poderán recollerse a partir do día 9 de maio nas tendas do Rei Zentolo en diversas cidades de Galicia (A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo), así como na tenda Tía Tata do Porriño.

A organización do festival recorda asemade que “as compras a través da tenda on line constitúen unha contribución fundamental para garantir a viabilidade do certame, como vía de financiamento alternativa e fórmula para xerar novos recursos propios, un dos obxectivos continuos do festival na loita para intentar garantir cada ano unha nova edición”.

Artigos relacionados

Back to top button