DeportesMotociclismoÚltima hora

O monfortino Eduardo Iglesias, abandeirado de “Galicia Calidade” no Dakar 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Francisco Conde, reuníase con este piloto que correrá o seu terceiro Dakar en xaneiro

 

O piloto de motos monfortino Eduardo Iglesias partirá en breve camiño de terras sauditas para participar nunha nova edición do Rally Dakar, previsto do 1 ao 14 de xaneiro. Antes da viaxe, neste 21 de decembro reuníase co vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, na Cidade da Cultura. Conde desexáballe todos os éxitos para disputar o que será o seu terceiro Dakar.

Ao igual que no 2021, o deportista do Team Monforte Rally contará co apoio da Xunta de Galicia, a través de Galicia Calidade e a Secretaría Xeral para o Deporte. “É un orgullo que Eduardo sexa abandeirado do selo Galicia Calidade no Dakar 2022, reivindicando o talento do deporte e dos deportistas galegos”, sinalou Conde, facendo referencia a que nesta aventura terá de novo o recoñecemento de toda a sociedade galega.

O vicepresidente económico destacou a contribución de Eduardo Iglesias á visibilización tamén do Xacobeo 2021-2022 nunha das competicións máis esixentes do mundo do motor, e que cada ano seguen medios de comunicación de todo o mundo.

Reunión co alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo

Ademais, xa o 13 de decembro reunínase co alcalde de Monforte, José Tomé. Este acto servía ademais para dar a coñecer a moto coa que Iglesias correrá, así como a equipación que levará á proba, na que competirá co dorsal número 38.

En concreto, o piloto sairá o día 27 desde Barcelona, e aínda que a proba comeza o 2 de xaneiro, un día antes realizase unha etapa prólogo previa ás 12 etapas das que consta esta edición do Dakar. Na recepción, o Alcalde e Iglesias estiveron acompañados pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Servizos, José Luís Losada, e por un dos membros do equipo do piloto monfortino, Jesús Veloso Cachaldora.

 

 

Este 2022 será o terceiro ano consecutivo en que o piloto monfortino participe no rally máis famoso do mundo, e por este motivo, o alcalde de Monforte desexoulle o maior do éxitos en nome de todos os monfortinos, agardando “que non teña accidentes e que, si pode, supere o posto 53 que conseguiu na pasada edición.”

Neste senso, cabe recordar que Eduardo Iglesias superou todas as previsións na súas dúas participacións no Dakar: non só conseguiu rematar en ambas ocasións o que é o rally máis duro do mundo, senón que ademais fíxoo entre os 100 primeiros clasificados, nun meritorio posto 94 no ano 2020 e no posto 53 en 2021.

“Este ano non lle imos pedir menos porque estou seguro de que Eduardo e o seu equipo volverán a dalo todo, co obxectivo de rubricar novamente unha exitosa participación nesta edición do Dakar”, destacou o rexedor municipal. Ademais, o Alcalde salientou que o piloto monfortino levará o nome de Monforte e de toda a provincia de Lugo por todo o mundo, a través do eco das redes sociais e dos medios de comunicación.

Tomé Roca que tanto o Concello como a Deputación de Lugo apoian economicamente a este piloto, contribuíndo a sufragar os gastos desta importante competición. En concreto, o Concello monfortino apoia a participación de Eduardo Iglesias con 5.000 euros.

O Alcalde concluíu a súa intervención manifestoulle o seu orgullo, e o de todos os monfortinos, por representar de novo a Monforte e á Ribeira Sacra nun evento deportivo internacional desta índole, e desexoulle o maior dos éxitos nesta terceira participación no Dakar.

Pola súa banda, Eduardo Iglesias agradeceu o apoio que recibiu tanto dende o Concello como dende a Deputación de Lugo para este novo reto, e comprometeuse a acadar os éxitos conseguidos nas dúas outras participacións.

O Dakar 2022, que é a proba de motor máis importante e famosa do mundo, desenvolverase ó longo de 13 xornadas, do 1 ó 14 de xaneiro, cunha etapa-prólogo e 12 etapas (cunha etapa de descanso polo medio), ó longo de 8.177 quilómetros de percorrido.

Artigos relacionados

Back to top button