En portadaÚltima hora

O mosaico da Cigarrosa, na mostra “Na procura do pasado”

Poderá visitarse no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela ata o vindeiro 28 de maio
Detalle do mosaico romano da Cigarrosa, localizado na Rúa (Valdeorras).

Do 14 ao 28 de maio o Museo das Peregrinacións de Santiago acollerá na súa sede da praza das Praterías a mostra “Na procura do pasado”, promovida polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MAPOu). Nela faise un percorrido dende os inicios da actividade arqueolóxica na provincia ata a actualidade.

O obxectivo desta exposición é aportar unha visión das principais figuras que levaron a cabo a práctica da arqueoloxía desde finais do século XIX ata os anos 70 do século XX. Neste labor destacan, entre outros, os nomes de Marcelo Macías, Arturo Vázquez Núñez, Manuel Díez Sanjurjo, Florentino López Cuevillas, Xaquín Lorenzo Fernández, Xesús Ferro Couselo, Xesús Taboada Chivite, Conde Valvís, Rubén García Álvarez, Manuel Chamoso Lamas e Laureano Prieto, este último natural do oriente ourensán, e máis en concreto de Carracedo da Serra (A Gudiña).

A mostra inclúe fotografías destes persoeiros, xunto con diversas pezas arqueolóxicas directamente relacionadas coa súa actividade e que forman parte dos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, como o guerreiro de Armeá, o sedente de Xinzo, a tábula de Castromao e o mosaico romano valdeorrés da Cigarrosa, entre outras.

A través destes elementos a exposición explica como a traxectoria do MAPOu está intimamente ligada á investigación arqueolóxica desenvolvida ao longo do tempo na provincia de Ourense. De feito, os comezos desta actividade vencéllanse aos membros da Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos, que co seu traballo e dedicación conseguiron poñer en marcha o museo, ao tempo que impulsaron actuacións de intervención en diversos xacementos, ademais de realizar o estudo das pezas que se incorporaron aos fondos do centro museístico.

 

Cartel da exposición.

 

“Na procura do pasado” será inaugurada durante esta tarde polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua; polo alcalde de Ourense, Xesús Vázquez; polo director do museo, Bieito Outeiriño, e polo director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MAPOu), Xulio Rodríguez.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button