ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O mosaico do Sil, no Barco de Valdeorras, rende homenaxe a Luis Ramos

Da man do artista local Chere, a obra comezaba na mañá do 7 de setembro

Cun marcado carácter sentimental se desenvolve este ano o Mosaico para o Sil, na praia fluvial do Barco de Valdeorras. Trátase dunha iniciativa artística dirixida por Gerardo Rodríguez Ramos, Chere, que nacía o ano pasado para “dar un toque orixinal e embelecer aínda máis a ribeira do Sil que xa é bonita de por si, e que este ano se fará en homenaxe a unha persoa que foi moi especial e importante non só para o Concello senón para toda a vila e toda a comarca, como era Luis Ramos (ex concelleiro, bombeiro, veciño, amigo…)”, en palabras da concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta.

Así o ratificaba o propio artista. “Somos un grupo de amigos que se xuntan para participar no mosaico, creando unhas pezas nas que cremos que podería estar reencarnado dentro do Sil. Luis non desaparece, vivirá eternamente aquí e esta é unha maneira de lembralo”, di.

 

Xente colaborando no mosaico adicado a Luis Ramos.

 

Unha nutria, unha garza, unha barca,… figuras representativas do Sil, serán as que dende esta fin de semana representen ao benquerido veciño do Barco, falecido hai uns meses. No proxecto tamén colaborou María Caseiro Arias do Barco que deseñou parte do mosaico.

Con todo, o mosaico “non é un mausoleo, senó que é para todos”, di Chere, por iso todo aquel que queira deixar a súa impronta da forma que sexa, poderá facelo igual que xa acontecera o ano pasado. Estarán traballando hoxe ata as 20h. aproximadamente e mañá a partir das 11h. e ata o remate.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button