OurenseÚltima hora

O Mosteiro de Montederramo acolle a estrea de “Ribeira Sacra, onde todo pode ocorrer”

Este audiovisual amosa a riqueza histórica, rural e patrimonial deste territorio

 

Na estrea da produción audiovisual “Ribeira Sacra, onde todo pode ocorrer”, dos artistas Queiman e Pousa, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe a visión que tiveron eles e moitos dos que os precederon, como os “sete tolos” (en referencia ás sete persoas que impulsaron a creación da denominación de orixe Ribeira Sacra) ou Eduardo Barreiros, “para contribuír a promocionar este territorio, berce de xente loitadora e valente, unha contorna á que seguiremos apoiando para seguir potenciando a súa identidade como destino universal”.

O acto, celebrado no Mosteiro de Montederramo, tivo como obxectivo presentar esta produción audiovisual que difunde a riqueza histórica, natural, rural e patrimonial da Ribeira Sacra. Trátase un vídeoclip promocional, un documental, 21 vídeos promos de adegas e cinco making off. Todo elo para que o territorio que é candidato a Patrimonio Mundial pola Unesco -iniciativa impulsada polo presidente Manuel Baltar- “fomente as súas excelencias naturais, etnográficas, culturais e do patrimonio histórico-artístico que posúe”, comentou o presidente da Deputación de Ourense. A obra conta coa colaboración de institucións, concellos e adegas, para poñer en valor a riqueza interior e rural da Ribeira Sacra.

O alcalde de Montederramo, Antonio Rodríguez, pola súa banda, apelou “á necesidade de seguir promocionando á Ribeira Sacra para conseguir fixar nela máis poboación”, e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe “Ribeira Sacra”, José Manuel Rodríguez, salientou “o orgullo de sentirmos partícipes dun territorio ao que o sector do viño soubo aglutinar ao redor dun gran proxecto”. Tamén a ese “efecto unión” se referiu César Parente, vicepresidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, afirmando que Ribeira Sacra son sentimentos, emocións, pero sobre todo xentes e máis de 500 empresas vinculadas ao sector turístico, que traballan cada día para facer máis grande esta contorna”.

 

 

A produción presentada trata sobre o papel dunha empresaria do mundo do viño (interpretado por Andrea Pousa) que dirixe unha adega de éxito e que goza do seu tempo de lecer nos distintos espazos emblemáticos da Ribeira Sacra. Este personaxe experimentará ensoñacións onde a mitoloxía, lendas e Historia serán partícipes: Fadas, romanos e monxes, daranse cita nun enclave único e máxico.

Dirixido por Eugenio Cortegoso, o traballo pon en valor o capital románico rural e homenaxea aos viticultores que manteñen a tradición dunha práctica heroica polos socalcos fluviais, ademais de fomentar o turismo da zona e promover a afluencia de visitantes.

A proposta foi rodar un vídeo musical para promocionar a Ribeira Sacra como candidata a Patrimonio Mundial da Humanidade. Cos acordes de Canto á Ribeira Sacra, interpretado por Andrea Pousa e Bruxo Queiman, a produtora xa demostrou, a través das redes sociais, que esta estratexia de marketing funcionou para acceder a un público moderno, mozo e moi interesado na cultura.

 

 

Entre o reparto destaca a presenza de Antón Durán Morris, actor estrela convidado que interpreta a un xeneral romano que percorre estas terras cos seus soldados (representado pola Garda Pretoriana de Lugo). Bruxo Queiman é o actor encargado de levar a cabo o papel de monxe, un personaxe que fará un percorrido polos mosteiros e igrexas máis relevantes da Ribeira Sacra como son os mosteiros de Montederramo, Santo Estevo, Mosteiro San Pedro de Rocas e Divino Salvador, a Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño ou a Igrexa de Santa Cristina de Parada de Sil.

Tamén se resalta a beleza dos miradoiros de Parada do Sil, Matacás, Pena do Castelo, Cabo do Mundo ou Vilouxe, así como a praia da Cova, o embarcadoiro de Santo Estevo, a fervenza do Cachón, a ponte medieval da Teixeira e Castro Caldelas, declarado como un dos pobos máis bonitos de España.

No vídeoclip tamén se resalta o traballo das mulleres no mundo vitivinícola, tanto na man de obra como nas decisións empresariais. Por iso, a protagonista é unha muller, interpretada por Andrea Pousa, que defende e reivindica a súa labor nun terreo que aparentemente só é de homes.

A partires de todo o material, elaboráronse 21 vídeos promocionais para as adegas e concellos participantes no proxecto, co obxectivo de que cada un teña un maior protagonismo e se resalte o máis especial de cada zona. A rodaxe tivo lugar durante dúas semanas, en setembro de 2020, na época da vendima.

Artigos relacionados

Back to top button