CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, un dos novos escenarios para o XV Pórtico do Paraíso

O festival arrancará o venres 29 de abril co concerto do conxunto vocal e instrumental Americantiga Ensemble

Juan Enrique Miguéns, Rosendo Fernández, Purificacioėn Iglesias e Paco Magide.

 

Na mañá deste mércores 20 de abril presentábase en Ourense a XV edición do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso. Un evento organizado pola Asociación Pórtico Musical e patrocinado pola Deputación de Ourense que, segundo definiu o vicepresidente primeiro provincial, Rosendo Fernández, “xa é un clásico, un referente, con propostas importantes no panorama internacional no eido da música culta”.

Rosendo Fernández resaltou a “aposta da Deputación pola cultura e pola cooperación interadministrativa e a alianza pública-privada” para acadar dun xeito máis eficiente os obxectivos, neste caso co deseño dun festival que conxuga “calidade e experiencia únicas”. O vicepresidente primeiro da Deputación valora tamén a capacidade do Pórtico do Paraíso para mesturar “música e patrimonio”, coa posta en valor de emblemas da provincia como os mosteiros de Santa Cristina de Ribas de Sil e Santa María de Montederramo, inéditos ata o de agora como escenarios do Pórtico do Paraíso.

No acto de presentación do festival, que arranca o vindeiro 29 de abril, tamén interviron o director do Pórtico do Paraíso, Juan Enrique Miguéns e a directora do Conservatorio de Ourense, Purificación Iglesias,  acompañados pola coordinadora do festival, Conchi da Silva e Francisco Magide, edil de Cultura de Parada de Sil, municipio colaborador do festival en Galicia xunto ao Concello de Montederramo, a Xunta de Galicia e Clínica Dental Parracía.

O festival arrancará o venres 29 de abril co concerto do conxunto vocal e instrumental Americantiga Ensemble (igrexa de Santiago das Caldas, 20:30 horas). O domingo 1 de maio, a Andrew Lawrence-King, “lenda viva da música antiga” segundo Miguéns, estará no mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, en Parada de Sil (19 horas), cun programa de música inglesa renacentista e barroca seleccionado especificamente para este concerto.

O programa continuará o venres 6 de maio, coa surcoreana Kyuhee Park tocando no Liceo de Ourense (20:30 horas) un programa de música española. E pechará o festival no mosteiro de Santa María de Montederramo, o pianista luso Raúl da Costa, cunha primeira parte de Schumann e unha segunda co concerto número 9 de para piano e orquestra de Mozart en compañía da Orquestra Clásica do Conservatorio de Ourense (19 horas). En paralelo, haberá cursos de interpretación no Conservatorio de Ourense con Kyuhee Park (5 de maio) e con Raúl da Costa (4, 5 e 6 de maio).

 

Artigos relacionados

Back to top button