ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O Mosteiro de Santa María de Montederramo, escenario da entrega dos Premios da Cultura Galega

Os oito galardoados recibían unha escultura obra do escultor ourensán Acisclo Novo, nun acto presidido polo titular da Xunta de Galicia

O corazón da Ribeira Sacra ourensá era o escenario no que se entregaban os Premios da Cultura Galega, correspondentes ao ano 2018. Este acto, presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, tiña lugar no mosteiro de Santa María de Montederramo, e pretende poñer en valor a excelencia creativa e o labor de difusión cultural desenvolvido por persoas e institucións, tanto en Galicia como no exterior, así como apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos ámbitos das letras, as artes plásticas e escénicas, a música, o audiovisual, a lingua, o patrimonio cultural e a proxección exterior.

Os oito galardoados recibían unha escultura obra do escultor ourensán Acisclo Novo, nun acto que contou, no apartado musical, coa actuación da Coral de Ruada, do Dj Baiuca e de Álvaro Iglesias e o bouzoukista Cástor Castro. Os premiados desta edición eran o galardón concedido na modalidade de Música ao grupo A Roda, e no que tamén foron premiados: Ramón Villares Paz (na modalidade de Proxección exterior), Antón Santamarina (Lingua), Alfonso Pato, representante do Festival de Cans (audiovisual), Antonio Dieter, representante da asociación “O sorriso de Daniel” (Patrimonio cultural), Alberto Sueiro, representante do Festival de Teatro Fiot (Artes escénicas) , Xosé María Álvarez Cácamo (Letras) e Luz Darriba (Artes plásticas).

Na súa intervención, o presidente da Xunta de Galicia sinalaba que “o gran milagre da creación cultural é transformar unha inspiración que moitas veces é individual e solitaria, en algo que comparten innumerables lectores, espectadores ou ouvintes”, incidindo en que os homes e mulleres da cultura teñen un privilexio do que carece calquera outra ocupación: sintetizar nunha peza musical, nun libro, escultura ou documental, pensamentos que son patrimonio común e que, sen a mediación cultural, se perderían.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar salientou a importancia de que a entrega destes galardóns, “os máis importantes da cultura galega”, se realice “nun enclave tan significativo da Ribeira Sacra como o mosteiro de Montederramo, o que supón un alicerce máis para seguir impulsando a grandeza deste territorio cara ao seu recoñecemento de Patrimonio Mundial pola Unesco, unha reivindicación que hoxe acada máis forza, se cabe, co respaldo do todo o ámbito da cultural galega, aquí representado institucional e socialmente, e tamén por parte das persoas e entidades premiadas nas diferentes modalidade que abrangue a creatividade”.

Os galardoados recibiron unha escultura obra do escultor ourensán Acisclo Novo, nun acto que contou, no apartado musical, coa actuación da Coral de Ruada, do Dj Baiuca e de Álvaro Iglesias e o bouzoukista Cástor Castro. Os premiados eran o grupo A Roda (na modalidade de Música), Ramón Villares Paz (na modalidade de Proxección exterior), Antón Santamarina (Lingua), Alfonso Pato, representante do Festival de Cans (Audiovisual), Antonio Dieter, representante da asociación “O sorriso de Daniel” (Patrimonio cultural), Alberto Sueiro, representante do Festival de Teatro Fiot (Artes escénicas) , Xosé María Álvarez Cácamo (Letras) e Luz Darriba (Artes plásticas).

Os Premiados

Xosé María Álvarez Cáccamo, Letras.– Na modalidade de Letras o galardoado é Xosé María Álvarez Cáccamo, un dos escritores máis destacados do panorama literario galego actual. Licenciado en filoloxía románica e profesor de literatura entre 1973 e 2010, o vigués é autor dunha prolífica obra que, desde a publicación do seu primeiro poemario, Praia das furnas, en 1983, non deixou de medrar. Ademais de poesía, cultivou relato breve e teatro, e realizou numerosos estudos centrados na poesía galega da segunda metade do XX, ademais de incursións na literatura infantil. A calidade do seu traballo fíxoo merecedor de destacados premios, como o Esquío, o González Garcés, o Arume de Poesía para Nenos ou os da Crítica de Galicia e de España.

Luz Darriba, Artes Plásticas.– A creadora Luz Darriba fíxose co Premio da Cultura Galega de Artes Plásticas. Nada en Montevideo e emigrada a Galicia en 1990, é autora de 40 macroaccións urbanas, entre as que destacan intervencións como Cumulum, coa que rodeou a muralla de Lugo con máis de medio millón de libros para favorecer a súa declaración como patrimonio da humanidade pola Unesco. A denuncia da discriminación e a violencia contra as mulleres é o eixo central da obra da artista, que ten realizado máis de 250 mostras colectivas en países como Arxentina, Uruguai, Brasil, Costa Rica, Francia, Luxemburgo, Alemaña, Xapón, Malaisia, Reino Unido, Estados Unidos ou Bélxica e máis de 50 exposicións individuais internacionais.

FIOT, Artes Escénicas.– En Artes Escénicas o recoñecemento é para o Festival Internacional Outono de Teatro-FIOT, todo un referente na difusión e visualización das artes escénicas de Galicia. Celébrase en Carballo desde 1992, organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte en colaboración co Concello de Carballo. Desde o seu inicio foi medrando de xeito exponencial tanto na calidade das programacións como na fidelización de público. Pola súa traxectoria, calidade da programación e a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece está recoñecido como un dos máis importantes festivais de Galicia, cun programa que vén ofrecendo unha trintena de obras e preto de 100 actividades paralelas.

A Roda, Música.– Os premios distinguen A Roda en Música. O grupo cumpre en 2018 catro décadas enriba dos escenarios; toda unha vida dedicada a promover e a difundir a música galega. Expoñente da música popular galega, da música de taberna, algunhas das letras das súas cancións, como “Pousa, pousa” ou o “Miudiño”, acadaron ao longo destes corenta anos unha extraordinaria difusión tanto dentro coma fóra de Galicia. Recibiron numerosos premios e publicaron 17 traballos discográficos, que avalan a traxectoria dun dos grupos en activo máis antigos e comprometidos coa lingua galega.

Festival de Cans, Audiovisual.– O galardón en Audiovisual é para o Festival de Cans, un encontro audiovisual de produción galega, onde outras manifestacións culturais tamén xogan un papel relevante. Organizado anualmente pola Asociación Cultural Arela, baixo a dirección de Alfonso Pato, na parroquia de Cans, coincidindo co festival de Cannes de Francia, en boa medida polo paralelismo entre os dous nomes. Cunha programación de curtas, estreas de filmes e documentais, coloquios con cineastas, rutas sonoras e diversas actividades que chegan actualmente a máis de 13.000 persoas, Cans convértese nun punto de encontro da creación galega emerxente e nunha gran plataforma de difusión dos novos creadores e creadoras.

Antón Santamarina, Lingua.– En Lingua o premiado é Antón Santamarina (A Fonsagrada, 1942), lingüista, catedrático de filoloxía románica pola Universidade de Santiago e membro de número da Real Academia Galega. Secretario do departamento de Lingua Galega na Xunta preautonómica en 1979, onde iniciou a implantación do ensino do galego na EXB e o BUP, vén realizando un destacado labor de investigación en diferentes áreas da lingüística galega, entre as que destaca a lexicografía. Neste ámbito publicou o Dicionario de dicionarios e actualmente dirixe o Tesouro Informatizado da Lingua Galega. Ademais, está colaborando na redacción do dicionario académico. O Atlas Lingüístico Galego (1987-2003) ou o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa) son outros dos proxectos nos que tomou parte.

O Sorriso de Daniel, Patrimonio Cultural.– O Sorriso de Daniel, que toma o seu nome da escultura do profeta Daniel no Pórtico da Gloria, é unha asociación creada en Santiago de Compostela en 2010 cuxos fins fundacionais son promover, defender, estimular e apoiar a conservación do patrimonio medieval galego e mais difundir, tanto dentro coma fóra de Galicia, este patrimonio, particularmente todas as manifestacións da arte románica: arquitectura, escultura, pintura, artes suntuarias etc. Con este fin, vén desenvolvendo un amplo labor de actividades baseadas na defensa e promoción do románico galego, coa realización de conferencias, itinerarios culturais e visitas guiadas, entre outras iniciativas.

Ramón Villares, Proxección Exterior.– Ramón Villares (Xermade, 1951), Premio Cultura Galega de Proxección Exterior, é un dos historiadores e intelectuais máis relevantes da Galicia dos últimos lustros e autor dunha extensa obra sobre historia agraria, cultural e política. Académico numerario da Real Academia Galega, presidiu o Consello da Cultura Galega entre 2006 e 2018, período en que a institución centrou unha parte importante do seu traballo no impulso da acción exterior. Destacan nesta liña proxectos vinculados coa posta en valor da memoria e dos legados dos emigrantes galegos, con iniciativas como Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia; ou coa recuperación da historia do asociacionismo galego na emigración, materializada na exposición Nós mesmos.

Artigos relacionados

Back to top button