CulturaGalerías de fotosÚltima hora

O Mosteiro de Xagoaza, nun dos cadros da exposición “Galicia, o País das Marabillas”

Esta mostra do pintor pontevedrés Raúl Velloso poderá visitarse na Casa de Galicia en Madrid ata o 31 de xaneiro

Na tarde do 10 de xaneiro abríase ao público na Casa de Galicia en Madrid a exposición  “Galicia, o País das Marabillas” do pintor pontevedrés Raúl Velloso (Cangas do Morrazo, 1965). Está composta por 46 obras con imaxes curvilíneas e cheas de colorido, de estilo moi persoal, que retratan edificios, paisaxes e personaxes de Galicia ben identificados. Entre eles figura co conxunto patrimonial barquense do Mosteiro de Xagoaza. A exposición, coa que a Casa abre as actividades públicas deste novo ano 2019, móstrase en dúas salas e estará aberta ao público ata o próximo día 31 de xaneiro.

No acto inaugural da mostra tomaban a palabra, ademais do artista, a licenciada en Xeografía e Historia, doctoranda en Historia da Arte Contemporáneo e conservadora da colección da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (Aecid) María Blanco Conde e o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, quen o fixo en representación do director da mesma e delegado da Xunta, José Ramón Ónega.

O pintor comentaba que co mestre Tàpies tivo unha especial relación de traballo, iniciación á pintura e amizade, da que lle vén ser coñecido como o “descubrimento galego de Antoni Tàpies”. Tamén que está exposición “está dedicada á devoción que sinto pola miña terra galega” e que nela pódense atopar “pazos, faros, igrexas románicas das catro provincias, edificios do meu pobo natal e unha gran diversidade de personaxes característicos galegos, como son viudiñas, gaiteiros, mulleres e homes do século pasado”.

Para Ramón Jiménez “as marabillas de Galicia son de conto e quizá por isto Raúl Velloso non pode subtraerse ao impulso de pintarnos nos seus cadros escenas que parecen sacadas dunha fantasía infantil, sobre todo esas construcións (igrexas, palacios ou faros) que provocan no espectador que os mira a impresión óptica de que se cambalean. A realidade con todo é ben distinta, pois esas imaxes están sólidamente cimentadas sobre a base dunha espléndida formación profesional, que nos seus comezos foi autodidacta para ser despois apadriñada por Antoni Tàpies, de quen como discípulo seu aprendeu as técnicas de pigmentos, texturas, materiais e cor que segue aplicando hoxe en día”.

Engadiu que “as creacións actuais do noso artista invitado expuxéronse nas feiras máis importantes do mundo [como Art Basel Miami, Art Basel Suíza e Arco Madrid], así como en prestixiosas galerías de Barcelona, Madrid, Chicago, Kioto, Berlín, Xénova ou Londres”. Ademais, Velloso sempre reserva varias semanas ao ano para mostrar a súa obra en Galicia.

 

Cadro da igrexa e mosteiro de Xagoaza, do pintor Raúl Velloso.

 

María Blanco destacou que a exposición e o seu título, “moi acertado”, “supón un novo achegamento moi persoal á arquitectura do pasado e aos vestixios culturais máis singulares das catro provincias galegas, intercaladas con retratos de personaxes ilustres e locais como gaiteiro, xogador do Celta e na que non podían faltar as súas famosas ´ viudiñas´”.

“Raúl Velloso defende un proxecto figurativo baseado nunha distorsión da realidade a partir dunha linguaxe cromática rica e vibrante na que se pode observar unha dobre influencia, por unha banda, o modernismo catalán e, por outra, o románico galego. As súas arquitecturas parecen estar distorsionadas por un espello cóncavo na que os volumes se expanden, a través dun debuxo moi sintético cuxo resultado son uns cadros personalísimos e máxicos xa que logra sintetizar sabiamente a natureza, creando un estilo propio, algo dificilísimo cando parece que na arte está todo inventado, e sempre cunha enerxía optimista que, dalgún modo, quedou plasmada na súa obra”, analizou a especialista en Arte.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button