EntrevistasÚltima hora

“O mundial pon os pelos de punta”

O seleccionador español de ciclismo, Javier Mínguez, reúne ao equipo no Pazo do Castro
O seleccionador nacional de ciclismo, Javier Mínguez, durante a entrevista no Pazo do Casto, O Barco. /Foto: Ángeles Rodríguez.
O seleccionador nacional de ciclismo, Javier Mínguez, durante a entrevista no Pazo do Casto, O Barco. /Foto: Ángeles Rodríguez.

O de Ponferrada 2014, é o segundo mundial para Javier Mínguez Bellosta (Valladolid, 1949) ao fronte da selección española de ciclismo en ruta.
Despois de moitos anos de experiencia, como corredor pero especialmente como director deportivo de diferentes equipos, no 2000 Mínguez deixaba a dirección, colaborando como comentarista, ata que o seu amigo Cerrón (ao que dirixiu nalgún momento) collía a presidencia da Federación Española de Ciclismo, levándoo con el como seleccionador. “Eu non teño contrato e o acordo, que foi pola amizade dunha vida xuntos, era facer os mundiais de Italia e os de Ponferrada e en canto acabe eu posiblemente marche para casa” di Javier Mínguez, concentrado coa selección no hotel Pazo do Castro (O Barco).

No mundial hai varias probas para os ciclistas, contrarreloxo por equipos e individual, pero a proba estrela para a selección é a de fondo do día 28. ¿Que veremos ese día?
Será impresionante porque trátase dun mundial e haberá un ambientazo na saída, as bandeiras nacionais, os mellores ciclistas do mundo, os coches, as motos… Un mundial é moi bonito. Eu fixen moitos e ponche os pelos de punta, cada un é diferente.

O ano pasado houbo dous españois loitando polo título e ao final conseguiron a prata e o bronce ¿Cales son as expectativas nesta ocasión? ¿Ten boas sensacións?
Eu o ano pasado fun a Florencia a ver o circuíto e vin que era moi bo para estes corredores e casualidades da vida fixeron segundo e terceiro, e este ano o circuíto en Ponferrada é diferente, non é que non sexa duro, pero é menos selectivo e en lugar de haber dez candidatos para gañar hai trinta co cal as posibilidades son inferiores, é máis difícil, esa é a realidade. O circuíto é complicado, é duro, de forza, pero a Valverde ou Purito que son os corredores con máis entidade nos mundiais nestes momentos non lles é tan favorable como o ano pasado. Esta é unha realidade, non se trata de chorar pero estarán douscentos corredores e só tres subirán ao podio. O deporte é deporte e hai que serenar os ánimos, temos o que temos e con iso hai que facer unha boa carreira. ¿A quen non lle gusta gañar? Os rapaces están adestrando, están preparados pero é difícil.

¿Como foron os adestramentos para este mundial?
O seleccionador nacional de ciclismo non ten a sorte que ten del Bosque de xogar uns partidos preliminares. Aquí é sota, cabalo e rei. Están todo o ano cada un cos seus equipos, fan a súa vida e eu selecciono, traioos, corremos e cada un para a súa casa. Os adestramentos e a alimentación son cousa dos equipos. Cando se concentran teoricamente veñen de rematar a Volta a España e están en boa condición física. A táctica na carreira é problema meu pero o adestramento non. A maioría correron na Volta, Izaguirre correu en Inglaterra e Jesús Herrada unha serie de clásicas en Francia e Canadá co cal ese foi o final de preparación de cada un. Condición física teñen pero todos os que veñen a Ponferrada a teñen.

¿Coñecía Valdeorras? ¿Que lle parece o entorno?
Hai anos corriamos nunha carreira profesinal na Rúa que era moi famosa e coñezo O Barco pero aquí no Pazo do Castro nunca estivera. Cando se prepara un mundial, a Unión Ciclista Internacional bloquea os hoteis e eles que son moitos, elixen e despois ti tes que ir a coller o que queda e eu tiven que buscarme a vida e atopei este sitio que está moi preto de Ponferrada e resulta cómodo para ir e volver, ten unha serenidade e tranquilidade que non me dan noutro sitio. Eu teño que mirar por que os meus corredores estén ben e en Ponferrada a situación era límite. Tiven a sorte de atopar isto.

O ano pasado aseguraba “quen acepte a miña filosofía, vén”. ¿Cal é as súa filosofía?
O primeiro que hai que ter é un poco de unión no grupo, de correr en equipo, de ter esa alegría e deixarse a pel polo equipo. Saber que se trata dun mundial, que é unha vez ao ano e que o esforzo non se pode escatimar. Os que din “eu así non corro”, que non veñan.

¿A que selección lle ten máis respecto?
Cando me sento con corredores, sabemos que o noso enimigo é a carreira e se salvamos ese escollo despois teremos que pelexar polas medallas. O primeiro é a carreira, que ten 250 quilómetros, máis de seis horas, e se non acabas o pastel e indixéstaste, para que queres as medallas. Home, despois sempre están os italianos, outros anos era Francia, Alemania, Australia… Hai unha serie de corredores pero por exemplo o ano pasado se me piden que diga dez, ningún sería o que gañou e este ano é máis difícil todavía. É un mundial, xógalo todo nun día, nunhas horas, ou tes o corte bo ou esperas para o ano seguinte.

É vostede de Valladolid, así que podería dicirse que o mundial celébrase en casa, ¿supón un aliciente engadido?
Tiven a sorte e a desgraza de disfrutar doutro mundial no que eu era o director cun corredor en Montjuik (Barcelona), que gañaba medallas Juan Fernández, e estaba moi ben, mentalizado, pero volveuse louco co público e fíxoo todo ao revés. Isto ten dúas vertentes, motívate porque estás en casa, pero pode poñerte demasiado nervioso e complicarche a vida.

A entrevista íntegra pode lerse no Especial Atletismo/ Ciclismo do mes de outubro do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button