SanidadeÚltima hora

O mundo da lactancia materna, analizado nunha charla no Barco

Esta acción divulgativa, dirixida principalmente a mulleres embarazadas, estaba promovida pola Asociación De Nai a Nai
Lorena Prada, da Asociación De Nai a Nai, durante a charla impartida o 15 de maio no Barco.

As claves da lactancia materna, así como as posicións axeitadas nas que se debe colocar o bebé para favorecer un bo agarre e unha boa transferencia do leite abordábanse na charla “Lactancia materna para embarazadas”, que impartía Lorena Prada, da Asociación De Nai a Nai, na tarde do 15 de maio no local desta entidade no Barco.

“Nesta charla tamén desmontamos mitos, falamos dalgunhas dificultades da lactancia e explicamos a importancia de protexer os primeiros momentos e os primeiros días tras o nacemento do bebé, para que nai e pai poidan establecer un vínculo seguro, coñezan ao seu fillo/a e detecten rápidamente cales son os signos de fame, antes de que chore”, comenta Lorena Prada.

No decurso da conferencia tamén se trataban as consecuencias de non amamantar para a nai e para o propio bebé, que son “basicamente que enferma moito máis, tanto con enfermidades comúns como coa perda de protección fronte a doenzas crónicas”, destaca Prada.

 

Outro dos momentos desta conferencia, que tiña lugar no local de Da Nai a Nai no Barco.

 

Outra das cuestións analizadas foi a da volta ao traballo da nai. “No coloquio coincidimos en que as medidas de conciliación son moi insuficientes e a maioría das veces, as nais que desexan continuar con lactancia materna exclusiva, terminan renunciando ao seu traballo durante un tempo, o que supón en moitas ocasións a perda do mesmo. As dificultades medran cando se trata de traballos eventuais de curta duración”, continúa a relatora.

Con este tipo de charlas a Asociación de Nai a Nai pretende “dar información veraz e pertinente sobre a lactancia para que as mulleres tomen unha decisión informada sobre a maneira de alimentar aos seus bebés”.

Fotos: Asociación De Nai a Nai.

Artigos relacionados

Back to top button