CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O mundo da música chora a Paddy Moloney, líder de The Chieftains

O músico irlandés Paddy Moloney, nunha entrevista co Periódico O SIL en Ortigueira, en xullo de 2004./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A paixón pola música tradicional foi unha herdanza familiar que Paddy Moloney recibiu dos seus pais. O seu primeiro instrumento foi un tin whistle, agasallo da súa nai cando tiña só seis anos e con oito aprendeu a tocar o uilleann pipes (gaita irlandesa). Eran os primeiros pasos polo mundo da música deste irlandés que fundou nos anos 60 e liderou os Chieftains, grupo que impulsou a música irlandesa por todo o mundo ao longo de corenta anos de traxectoria, chegando a ganar seis premios Grammy. Unha traxectoria que lles valeu o título de embaixadores musicais de Irlanda en 1989.

Unha das teimas de Paddy Moloney foi a de buscar as conexións entre a música irlandesa e outras músicas tradicionais. E, dese xeito, interesouse pola música bretona e pola galega e empezou a traballar sobre elas nos anos 70. Isto plasmaríase despois en traballos dos Chieftains como “Celtic Wedding” (1987) en torno á música bretona, e “Santiago” (1996), unha viaxe pola música galega compartida co gaiteiro Carlos Núñez e coa que lograron o seu quinto Grammy.

Esa conexión musical vivíase ademais en Galicia en diferentes edicións do Festival de Ortigueira, onde en xullo de 2004 era entrevistado polo Periódico O SIL, dando mostras da súa afabilidade, cercanía e cun sorriso continuo. “A influencia da música galega ten moita importancia para min e vaise expandindo e expandindo e cada vez que tocamos cunha orquestra por todo o mundo a “Galician Overture” é a canción número un que abre os concertos”, aseguraba daquela este lendario músico.

Onte facíase pública a nova da súa morte, con 83 anos en Dublín, cidade na que naceu. Esta nova vestía de loito ao mundo da música folk internacional.

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira mostrou tamén a través das súas redes sociais o seu pesar por este falecemento, lembrando ademais cun vídeo o concerto que ofrecían The Chieftains con Phill Cunningham, Milladoiro e a Escola de Gaitas de Ortigueira na edición de xullo de 2014.

 

Artigos relacionados

Back to top button