ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O mural realizado no obradoiro de Carlos Moreyra en Vilamartín inaugurarase o 7 outubro

Realizouse nun seminario de muralismo impartido por este mestre escultor arxentino e no que tamén participaban o profesor Leonardo Corazza e a artista Laura Duben

A terra vermella de Vilamartín, viñedos, follas de vide ou as covas. Son algúns dos elementos da cultura vitivinícola valdeorresa que se ensalzan e plasman no mural realizado no marco do seminario impartido en Vilamartín polo prestixioso mestre escultor arxentino Carlos Moreyra. Esta actividade, na que tamén participaban o profesor Leonardo Corazza e a artista Laura Duben, afincada dende hai anos no Barco, levábase a cabo a finais de setembro no Bañadoiro.

Esta obra poderá ser contemplada polo público no acto inaugural que está previsto para o venres ás 20:30h. nese mesmo lugar. No decurso desta presentación servirase un viño galego e os asistentes poderán escoller o nome co que se bautizará o mural.

Despois de Vilamartín, Moreyra, que está a realizar un intercambio cultural en Valdeorras e en Ourense, desprazábase á cidade das Burgas onde (xunto a Corazza, Duben e un grupo de alumnos) traballaba no Claustro de San Francisco elaborando un novo mural cuxa temática era, nesta ocasión, o propio claustro e o santo, ademais de diversos elementos da tradición e cultura galega. Nesta arte mestura técnicas precolombinas e esgrafiado con distintos materiais. Este mural poderá xa ser visto no mediodía do mércores 5 de outubro, se ben aínda restan algúns detalles para a súa finalización e parte da cocción.

Moreyra despedirá esta viaxe a Galicia cunha conferencia titulada “Armado e orixe dos fornos indíxenas” que impartirá o xoves 6 de outubro ás 19:30h. no Centro Cultural Ángel Valente (rúa do Paseo). A Asociación de Artesáns e o Concello de Ourense teñen colaborado, xunto a Laurarte Centro Artístico da Pedra, para levar adiante este intercambio arxentino-ourensán.

Artigos relacionados

Back to top button