CulturaCulturaÚltima hora

O Museo Arqueolóxico de Ourense celebra o Día dos Museos con narración oral e obradoiros

Tamén están previstas actividades noutros centros da provincia como o Museo Etnolóxico de Ribadavia ou o Museo do Viño

 

Con diferentes actos celebrarase o Día dos Museos, o vindeiro martes 18 de maio, na provincia de Ourense. Así, na cidade das Burgas, o Museo Arqueolóxico Provincial ofrecerá o martes 18 a actuación de Quico Cadaval “A memoria reimaxinada”, no Liceo de Ourense, que se poderá seguir tamén en liña a través das redes sociais.

Ademais, no marco desta conmemoración, este centro está a desenvolver en diversos centros educativos os obradoiros didácticos para a rapazada “O meu, o teu, o noso museo”. Xunto a eles, programouse tamén unha actividade didáctica para escolares de Primaria na que deberán crear o seu propio museo a partir de pezas do Arqueolóxico Provincial.

Por outra banda, ata o 13 de xuño proxectarase sobre o edificio do museo na Praza Maior o vídeo “Pasado, presente e futuro”, no que se amosan imaxes do centro en diferentes épocas e a recreación de como quedará tras as obras que se están acometendo nel.

Ademais hai outras actividades para celebrar o 18 de maio noutros puntos a provincia. Entre elas está a do Museo Etnolóxico de Ribadavia ofrece mañá sábado un concerto de música folk, a cargo de Antonio Luis Pedraza, co seu traballo “Fierro. Un viaje musical a la despoblación”. O vindeiro venres 28, terá lugar a presentación da colaboración entre o centro museístico e o CIFP Portovello de Ourense, a través do “Proxecto Museo Aberto 2021 A escola na memoria”. Tamén se desenvolverá un obradoiro de pesca fluvial co IES do Ribeiro. Ademais, o martes 18 difundirase a través das redes sociais do museo un vídeo cun percorrido polo centro.

O Museo do Viño de Galicia, situado tamén en Ribadavia, utilizará as redes sociais para difundir a partir do martes pílulas audiovisuais de adegueiros e colleiteiros de diferentes denominacións de orixe para abordar o saber tradicional na elaboración actual dos viños.

Artigos relacionados

Back to top button