CulturaCulturaÚltima hora

O Museo Arqueolóxico de Ourense dedica a Peza do Mes a “Cuevillas e a Xeira do Deza”

Participantes da campaña de estudo de Terras de Deza en xuño de 1934. © Museo do Pobo Galego.

 

Florentino López Cuevillas era un dos grandes defensores das “xeiras”, consideradas unha das “expresións máis xenuínas e orixinais da forma de traballar do Seminario de Estudos Galegos (SEG), entidade na que estaban integrados os membros da Xeración Nós”, así o lembra Xulio Rodríguez González con motivo da “Peza do Mes” do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, adicada neste decembro a “Cuevillas e a Xeira de Deza”.

As xeiras, continúa Rodríguez González, na publicación sobre a peza, eran “excursións científicas nas que as diferentes seccións do SEG se dedicaban a investigar diversos aspectos do territorio obxecto de estudo, contribuíndo a uns resultados nos que prima o enfoque integral e” a multidisciplinariedade”.

No verán de 1926 celebrábase a primeira, a de Monforte. Un ano despois a das Terras do Carballiño e do Ribeiro, e xa en 1928, iniciábase a primeira “campaña do Deza, que se prolongaría ata 1935”; despois, en 1929, a de Terra de Melide, e, finalmente, en 1936 a de Fisterra.

Nas diferentes campañas do Deza, e no labor realizado nelas, afóndase nesta “Peza do Mes” tan singular, incidindo ademais en que a “querenza de Cuevillas polas xeiras non decae, e en 1948 coméntalle a Taboada Chivite o proxecto de levar adiante unha nova sobre a comarca da Limia”, apunta Xulio Rodríguez González. Este traballo non puido realizarse, sen embargo, décadas despois, no 2013, acometíase un proxecto herdeiro dela “Patrimonio Cultural da Alta Limia. Discurso histórico e ordenación do territorio”, que deu lugar a un libro homónimo e a unha web “coa catalogación patrimonial de toda a comarca”.

Como vén sucedendo nos últimos meses por mor da pandemia, non se fará a presentación pública da mesma, “seguindo as indicacións das autoridades sanitarias en relación co Covid-19. Aínda que a sala de exposicións Escolma de Escultura está aberta ao público, cancélanse as actividades presenciais”, lémbrase dende o museo.

Artigos relacionados

Back to top button