OurenseÚltima hora

O Museo Arqueolóxico de Ourense incorpora aos seus fondos unha colección de fotografías da familia Conde-Valvís Fernández

O delegado territorial explicou que se trata de imaxes que abranguen desde os anos 20 ata os 60 do pasado século e que recollen a actividade arqueolóxica de ourensán Francisco Conde-Valvís Fernández, ademais de escenas da vida cotiá da época

 

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, xestionado pola Xunta, vén de incrementar os seus fondos cunha colección de imaxes da familia Conde-Valvís Fernández. Trátase de fotografías que abranguen desde os anos 20 ata os 60 do pasado século, aproximadamente, e que recollen a actividade arqueolóxica de Francisco Conde-Valvís Fernández, ourensán afeccionado a esta disciplina e destacado bibliófilo, ademais de escenas da vida cotiá da época.

Esta mañá o museo recibía a visita do delegado da Xunta de Galicia en Ournse, Gabriel Alén, quen sinalaba que actualmente a colección está en proceso de inventario. Nela destacaba as imaxes relacionadas co conxunto arqueolóxico de Armea, do que Conde-Valvís foi o primeiro en realizar escavacións, con testemuños tanto dos traballos como dos obxectos aparecidos. Conta tamén con imaxes da coñecida como basílica do forno de Santa e de achados noutras áreas, entre as que figuran as cabezas castrexas das que fixo doazón ao museo.

Ademais, móstrase o modo de vida dunha familia acomodada das primeiras décadas do século XX da comarca de Allariz-Maceda, xunto algúns retallos de vida rural. Gran parte do fondo está tomado na contorna da vila de Allariz e permite observar como se foi modificando a paisaxe e a arquitectura da zona.

 

 

Francisco Conde-Valvís Fernández (1899-1985) formouse en París en Enxeñaría aplicada á electricidade, seguindo a estela do seu pai, quen entre outras empresas, executou o primeiro abastecemento de electricidade á cidade de Ourense. Tamén como herdanza do seu proxenitor, manifestou grande interese polo pasado, especialmente o da provincia de Ourense. Polos seus méritos no eido histórico, Francisco Conde-Valvís Fernández participou como membro da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense e posteriormente estivo vinculado co Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

O seu fillo Francisco Conde-Valvís Manzanares foi quen ingresou as fotografías. Trátase da terceira xeración familiar que contribúe co seu mecenado á colección do Museo.

Artigos relacionados

Back to top button