OurenseÚltima hora

O Museo Arqueolóxico de Ourense lembra a Marcelo Macías, o seu mentor, cunha exposición

Esta mostra, que se inauguraba na tarde do 31 de outubro na sala de Afundación en Ourense, percorre a xeografía vital desta figura a través dunhas 120 pezas
O conselleiro de Cultura, no acto inaugural da mostra.

 

Marcelo Macías. 175 aniversario permite descubrir a través de case 120 obras de carácter diverso a vida e obra dun dos principais protagonistas do desenvolvemento da cidade durante as primeiras décadas do século XX e mentor institucional do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Así se destacaba na tarde do 31 de outubro no acto inaugural desta exposición, que poderá visitarse ata o vindeiro 20 de xaneiro na Sala Afundación na cidade das Burgas.

Esta mostra está estruturada en diferentes campos temáticos que se corresponden coa xeografía vital de Marcelo Macías (Astorga, 1843-Ourense, 1941), cos diferentes eidos de estudo nos que traballou e coas numerosas homenaxes e recoñecementos que recibiu. Neste elenco de pezas cómpre destacar o conxunto epigráfico procedente de Nocela da Pena (Sarreaus), integrado por dúas lápidas honoríficas, unha dedicada ao emperador Adriano e outra Antonino Pio, xunto cunha estela bifronte.

Ademais achega elementos de diversas índole, desde a ara de Diana, pasando por unha selección de obxectos de ourivería relixiosa e mobiliario litúrxico, ata unha serie de medallas, pergameos e conmemoracións que fan referencia aos homenaxes e recoñecementos recibidos por Macías. Sen faltar, finalmente, pezas que ilustran aspectos relacionados co ocio, como a música, representada por un flagelot, instrumento que segundo recorda Otero Pedrayo aprendeu a tocar sendo novo, e que seguiría tocando en idade madura.

 

Percorrido das autoridades pola exposición.

 

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, resaltaba nese acto inaugural as múltiples achegas deste “astorgano de nacemento e galego de adopción” no desenvolvemento de Ourense, “desde a actividade docente, intelectual e de xestión cultural e do patrimonio”. E lembrou que con esta mostra “non só conmemoramos o 175 aniversario do nacemento de Marcelo Macías, senón que tamén lle achegamos á sociedade ourensá o traballo do Museo Arqueolóxico como depositario e transmisor da memoria colectiva desta terra”.

O acto inaugural foi presidido polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e nel tomaron parte, ademais do conselleiro, a padroeira de Afundación, Mercedes Rozas; e o director do Museo Arqueolóxico de Ourense, Xulio Rodríguez. Logo das intervencións institucionais houbo unha visita guiada a cargo de Avelino Rodríguez, comisario da mostra a canda Xulio Rodríguez.

 

Artigos relacionados

Back to top button