OurenseÚltima hora

O Museo Claustro Mercedario de Verín supera a cifra dos 19.000 visitantes

Isto supón unha media de 1.000 visitas ao mes dende a súa apertura en marzo do ano 2017
Entrada ao Museo Claustro Mercedario de Verín./ Foto: A.R.

 

Un autobús con 50 visitantes procedentes das comunidades de Madrid e Castela-León permitía que na xornada do 14 de outubro o Museo Claustro Mercedario de Verín rebasase a cifra dos 19.000 visitantes (o que supón unha media de 1.000 por cada mes dende a súa apertura) dende que foi impulsado polo Concello de Verín hai un ano e sete meses.

O grupo de turistas, concertado por unha axencia de viaxes de Castela-León, é o terceiro nunha semana que acode a Verín, como primeiro punto dunha visita a Galicia que normalmente se desenvolve posteriormente polas Rías Baixas. Os contidos máis valorados polos visitantes foráneos son a exposición sobre a historia do licor café, os elementos antropolóxicos e o túnel do viño da Denominación de Orixe de Monterrei.

O Museo Claustro Mercedario abriu as súas portas en 2017 cunha exposición da obra do escultor e pintor verinés Fernando Barreira, que concitou 3.500 visitas. Xa en agosto de 2017 inaugurábase a mostra “Dionisos, 2000 anos de viño en Monterrei”, sobre a enoloxía no val e que atraía a 6.500 persoas.

 

Visita escolar guiada a este museo./ Foto cedida polo Concello de Verín.

 

En marzo de 2019, nas festas do Lázaro, o Museo realizou unha triple renovación dos seus contidos, coa inauguración de “Monterrei, berce do licor café”, “Primeiros contactos con Tartessos” e “Identificadores aromáticos dos viños de Monterrei”, que hoxe chegaron ao seu visitante 9.000.

“A filosofía do museo comarcal que alberga o Claustro Mercedario é difundir os elementos identificadores que conforman a personalidade do Val de Monterrei mediante as técnicas máis modernas de interpretación patrimonial e divulgación pedagóxica”, segundo explican dende o Concello de Verín.

Artigos relacionados

Back to top button