CulturaCulturaÚltima hora

O Museo de Verín homenaxea á súa peza máis fotografada, a prensa de trabe

Esta actividade súmase á celebración do Día Mundial dos Museos que se celebra este 18 de maio

Prensa de trabe que pode verse no Museo de Verín./ Cedida.

 

O Museo de Verín edita unha nova peza do mes para homenaxear a que é o elemento máis fotografado da exposición sobre os 2.000 anos de historia do viño en Monterrei: a prensa de trabe. Con esta actividade, o Museo de Verín súmase á celebración do Día Mundial dos Museos avogando “por seguir divulgando a identidade comarcal de Monterrei”.

Os lagares rupestres están presentes en Monterrei polo menos dende a alta idade media, e ata que as prensas de gaiola de ferro substituíron no XIX aos lagares de trabe instalados nas adegas, estes eran o xeito dominante de extraer o mosto. Desterradas polas súas sucesoras de fundición -moitas delas producidas na factoría Malingre, de Ourense- só quedan como mudas testemuñas os embigos incrustados nas paredes en innumerables aldeas, desposuídos xa da trabe.

En moitos outros casos, incluso en pobos da montaña nos que hoxe non queda nin rastro de viñas, algunhas testemuñas da presenza das cepas son os pensos, reempregados como pedras angulares das casas. Eran tempos en que o consumo de viño era de máis de 80 litros por habitante e ano, fronte aos apenas nove de hoxe en día. O aporte nutricional do viño e a carencia de auga saudable estaban tras un elevado índice de consumo de viño. É máis, a finais do século XIX, o viñedo circundaba a vila coma un mar de cepas.

A prensa de trabe

Cunha lonxitude de case 5 metros da panca, presenta o “embigo” e o “rodeiro” nun extremo (a bisagra de pedra e o pasador que a unen ao muro de carga), a trabe (a gran panca de segunda orde) o “parafuso” e o “penso” ou contrapeso de grandes dimensións. Finalmente, para facer funcionar ambos, a “panca” ou accionador manual do fuso.

Dende hoxe, a peza do mes dedicada á prensa de trabe está dispoñible no Facebook do Museo de Verín e na páxina web do Concello de Verín. Con esta actividade, o museo procura continuar co traballo de adaptación ás novas tecnoloxías e o emprego das redes sociais para achegarse aos seus usuarios e usuarias.

Artigos relacionados

Back to top button