CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O Museo do Ferrocarril de Galicia, en Monforte, achegarase aos escolares

O conselleiro de Cultura visitaba as súas instalacións e destacaba a importancia deste medio de transporte na dinámica evolutiva de Galicia

Unha nova unidade didáctica permitirá preparar as visitas escolares ao Museo do Ferrocarril de Galicia (MUFERGA), situado en Monforte de Lemos. Así o anunciaba o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, na visita que realizaba o 3 de abril ás súas instalacións. Nela estaba acompañado polo delegado da Xunta e presidente do padroado deste centro museístico, José Manuel Balseiro.

“O ferrocarril é unha boa escusa para poder dar a coñecer aos escolares a dinámica evolutiva da Galicia dos últimos séculos, os cambios históricos, demográficos ou sociais; a transformación que tivo Galicia desde a súa posta en marcha como un elemento de modernización social económica e territorial”, sinalaba o conselleiro de Cultura.

 

Tamén resaltaba que o MUFERGA conta con pezas únicas que son auténticas xoias do patrimonio ferroviario estatal como a locomotora Mikado, o furgón taller J350 ou o coche Presidencial ZZ1; que fan del un recurso moi valioso que, xunto a outros do propio Monforte e da comarca, conforma un paquete turístico, cultural e educativo de primeiro nivel.

O MUFERGA encóntrase nas antigas instalacións ferroviarias de Monforte de Lemos, no que fora o antigo taller de tracción e o depósito de locomotoras. Conta cunha singular rotonda ferroviaria con 39 vías radiais e ponte transbordador xiratorio. Unha edificación declarada pola UE como elemento destacado do Patrimonio Industrial Europeo. Tamén dispón dun parque temático de trens tripulados a escala, onde os máis pequenos poden converterse en maquinistas ou xefes de estación

Artigos relacionados

Back to top button