ConcellosÚltima hora

O Museo Etnográfico-arqueolóxico de Castrelo do Val reabre as súas portas

A súa principal novidade será unha réplica do Guerreiro de Pedra Alta, unha estela da Idade do Bronce atopada no 2011

Panel explicativo da estela do Guerreiro de Pedra Alta./ Foto: Concello de Castrelo do Val.

 

O vindeiro sábado 14 de marzo ás 5 da tarde reabrirase ao público o Museo Etnográfico-arqueolóxico de Castrelo do Val. O anuncio vén de facelo o concelleiro de Cultura, Ramón López. Ademais o edil convida a participar neste acto que supón o comezo da andaina deste espazo singular que recolle pezas únicas e singulares do pasado do concello.

A peza estrela da inauguración será a réplica do Guerreiro da Pedra Alta, unha estela atopada no 2011 por José Luís Lozano “Nipis” e reproducida fielmente polo escultor Marcos Escudero de Mos. A estela data posiblemente de entre os anos 1200-1000 a.C., na Idade de Bronce e trátase dun vestixio dos antigos poboadores da comarca único en toda Galicia e dos poucos que se acharon na Península Ibérica.

“Ante a imposibilidade de expor a peza orixinal, que está gardada no Museo Arqueolóxico de Ourense e non se permite o seu traslado ao museo de Castrelo, o grupo de goberno de Castrelo decidiu encargar unha réplica para que a veciñanza puidera contemplar de primeira man os restos arqueolóxicos que son de seu. Tamén decidimos, ao fío desta actuación, organizar un obradoiro de cantería impartido polo escultor da réplica, mentres da remate á propia obra”, segundo informa o Concello de Castrelo do Val.

O acto incluirá uns paneis explicativos elaborados pola arqueóloga Nieves Amado Rolán, natural de Laza, nos que se amosa o estudo realizado para coñecer o significado das figuras presentes na estela do guerreiro e contextualizar o resto atopado.

O edil de Cultura de Castrelo do Val indica que, “este acto culmina un labor inmenso realizado en colaboración coa veciñanza do concello, á hora de recoller elementos antigos que falan da nosa propia historia como pobo senlleiro. A participación tanto dos poboadores do municipio como dos expertos fai posible que poidamos abrir un museo repleto de pezas únicas e ben catalogadas que achegan valor engadido aos atractivos turistíco-culturais de Castrelo do Val”.

O evento contará coa actuación do grupo de pandereteiras da Escola da Asociación Cultural Candaira de Castrelo e ofrecerase aos asistentes un convite durante a celebración do acto. Do mesmo xeito, Ramón López anuncia que, “estamos a traballar nunha ruta que vai estar estreitamente relacionada coa da actuación no museo e que percorrerá o pobo e as zonas onde apareceron as descubertas arqueolóxicas como é o caso da Pedra Alta, o Castro da Cabanca, o cemiterio do San Martiño, etc.”

Artigos relacionados

Back to top button