ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O nacemento da igrexa de Santa María de Rabal (Chandrexa de Queixa)

Ano tras ano, dende non sabemos ata cando remontarnos, as figuriñas saen do caixón e danlle vida a este belén

Hoxe, 30 de decembro, na parroquia de Sta. María de Rabal en Chandrexa de Queixa, eramos sete persoas na misa, facía frío na igrexa vacía. Nin as festas de Nadal devolven a vida á vella igrexa, a realidade imponse, cada vez somos menos veciños, pero hai algo diferente estes días, algo que nin as circunstancias nin os anos consiguen mudar e é o noso nacemento.

Ano tras ano, dende non sabemos ata cando remontarnos, as figuriñas saen do caixón e danlle vida a ese belén. As figuras, igual que a xente, foron cambiando ó longo da historia da vella parroquia pero aqueloutras e estas de agora, consiguen poñer unha nota de alegría, de sentimento de que aínda estamos aquí, de que somos unha comunidade que loita por permanecer.

E cantamos panxoliñas aprendidas na tradición e bicamos un neno que polos anos xa tiñamos que ver medrado. No noso fermoso belén hai máis persoas que na realidade, pero aínda somos quen de impoñernos a ela e non esquecer que estamos no Nadal.

Texto e fotos: Raquel Pérez

 

Nacemento de Rabal (Chandrexa de Queixa).

Artigos relacionados

Back to top button