OurenseÚltima hora

O “Nadal do Polo Norte” dos Bolechas chegará a Ourense

Esta nova proposta poderá verse o vindeiro 3 de xaneiro ás 19h. no Auditorio Municipal

 

Presentación do novo espectáculo dos Bolechas.

Os irmáns animados máis famosos de Galicia, Os Bolechas, emprenden este sábado, 22 de decembro, unha nova viaxe da man do programa Nadal en Rede, da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, na que levarán a súa actividade –que conta tamén coa colaboración de Gadis e mais da Compañía Radio-Televisión de Galicia (CRTVG)– ao Porriño, Viveiro, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo, Ourense, Muros, Ponteareas e Rianxo, ata o 7 de xaneiro. No caso de Ourense esta actuación terá lugar o vindeiro 3 de xaneiro ás 19h. no Auditorio Municipal.

Os coñecidos personaxes regresan ao programa de Nadal da RDL cunha proposta teatral para toda a familia a cargo dos muppets, tal como indicou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación da xira, á que asistiron máis de medio centenar de escolares do colexio compostelán Quiroga Palacios.

García Gómez recordoulles ás nenas e nenos que “Os Bolechas falan sempre en galego, que é a nosa lingua e por iso son un referente á hora de programar actividades infantís na nosa terra”. Acomparárono na rolda de prensa de presentación Xaime Arias, director de Proxección Social da CRTVG; Antonio Cortés, director de Mercadotecnia de Gadis. e Teté Rocamonde, responsable de comunicación de Bolanda.

 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación da nova actividade “Os Bolechas. Nadal no Polo Norte”, no marco do programa de dinamización lingüística Nadal en Rede 2018.

 

Nadal polo Norte

A historia deste ano transcorre, como non podía ser doutro xeito, no Nadal. Sonia quere facer un boneco de neve, pero non un calquera, quere un boneco que non se derreta. Propóñenlle facelo de algodón, para que sexa suave e branco como a neve, pero máis duradeiro. Pero Sonia quere neve de verdade e iso complica as cousas… A non ser que se faga no Polo Norte, porque alí sempre vai frío. E alá van os Bolechas, a vivir unha nova aventura con todas as nenas e nenos que os acompañen nesta xira.

Ademais do espectáculo, a xira conta cunha páxina web, www.osbolechas.gal/polonorte/, onde está dispoñible toda a información sobre a xira así como xogos e vídeos. Entre outras propostas, a web permite ver os capítulos de Nadal dos Bolechas emitidos na Televisión de Galicia. Toda a información e calendario de funcións no Portal da Lingua Galega e no enlace web www.lingua.gal/nadal-en-rede.

Artigos relacionados

Back to top button