Cultura

O Nazareno percorrerá as rúas do Barco o sábado día 14

Unha devoción secular
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

Como cada ano dende hai máis de douscentos, a Cofradía de Xesús Nazareno é a responsable de sacar á rúa os carteis informativos da Novena na honra ao Cristo, protagonista relixioso das principais festas do Barco de Valdeorras. Uns carteis en intenso cor violeta que amosan á imaxe do Nazareno que sae en procesión en primeiro plano co fondo dunha das galerías do casco vello do Barco, fronte á igrexa que conserva a figura que esperta gran devoción entre a poboación valdeorresa.

Ese mesmo cartel, que se repartirá por cada recuncho da vila, indica que os cultos comezarán xa o xoves día 5 de setembro coa santa misa e novena ás 8:30h. na igrexa de San Mauro, culto que se repetirá ás 10:30 e ás 20h. ata o venres 13 de setembro. Durante os nove días que dure, o predicador será o P. Odilo Cougil (misioneiro en África), e haberá confesións e comunións aos enfermos, no propio tempo de San Mauro, en pleno casco antigo barquense.

E tralo novenario, que é seguido por moita xente, chegaremos ao centro da festa do Cristo, o sábado 14 de setembro. Ese día, dende as oito da mañá celebrarase unha eucaristía cada hora, ata chegar ás 12h. cando centos de persoas se congreguen na igrexa de San Mauro para comezar a procesión que levará a imaxe por todo o pobo, acompañada pola corporación municipal, os membros da cofradía, a banda de música e as Calantornias. Trala procesión, a imaxe do santo chegará á praza Maior, onde se celebrará a misa ao aire libre, coa participación de numerosos sacerdotes. Pola tarde, ás 19h. haberá unha nova eucaristía.

Mais a cousa non queda aí, xa que o domingo día 15 tamén haberá outras tres celebracións relixiosas: unha ás 12:30h. na igrexa de Santa Rita, outra ás 13:30h. en San Mauro adicada a tódolos cofrades e unha terceira pola tarde ás 19h. de novo na igrexa de Santa Rita, que acolle a imaxe da santa, tamén moi venerada pola sociedade barquense.

Texto: Mónica G. Bellver Foto: Ángeles Rodríguez
(Máis información na edición en papel do Especial Cristo do Periódico O SIL).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button