ConcellosÚltima hora

O neumólogo trivés Julio Ancochea, entre os “Best Doctors Spain” de Forbes

O neumólogo trivés e presidente de Asomega, Julio Ancochea, neste outono recollendo o Premio Humanizar./ Foto cedida.

 

Forbes España vén de publicar “Best Doctors Spain”, un libro que reúne aos 165 médicos (de 27 especialidades) máis destacados de España no eido da asistencia, a investigación e a docencia, que desenvolven o seu labor en distintos centros hospitalarios do estado.

Entre eles figura o doutor trivés Julio Ancochea, presidente xefe de Servizo de Neumoloxía do Hospital A Princesa de Madrid e presidente da Asociación de Médicos Galegos (Asomega). O doutor Ancochea era ademais galardoado neste outono cos Premios Humanizar no marco das XXV Xornadas Nacionais de Humanización da Saúde (na Universidade Católica de Valencia San Vicente Mártir).

“Best Doctors Spain” inclúe os nomes dos facultativos que apareceron nas edicións 2017, 2018 e 2019 da clasificación “Best Doctors”, que elabora anualmente Forbes España. “Nesta listaxe tivéronse en conta os méritos científicos, recoñecementos e galardóns recibidos, a presenza nos medios de comunicación, a opinión dos pacientes, o impacto dos médicos en relación co nome do hospital no que traballan ou a ocupación de postos de relevancia, ademais das súas achegas no ámbito da asistencia, a investigación e a docencia”, tal e como se indica dende Asomega, que conta ademais con outros dous representantes nese volume: Eduardo López-Bran,  xefe de Dermatoloxía do Hospital Clínico San Carlos de Madrid, e Carlos Cenjor, xefe de Servizo de Otorrinolaringoloxía e Patoloxía Cérvico-Facial da Fundación Jiménez Díaz.

Artigos relacionados

Back to top button