En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Nós, ganador do torneo solidario de Trives-Río-Manzaneda

Desenvolvíase ao longo de tres días, do 28 ao 30 de decembro no pavillón trivés, e reunía unhas dúas toneladas de alimentos

Todo un éxito deportivo e solidario resultaba a II Gran Festa do Fútbol, un torneo benéfico organizado polos Concellos de Trives, San Xoán de Río e Manzaneda xunto coas asociacións RíoMola, Sporting Manzaneda, A Rebusca, CD Trives, Club Montaña Trives e co Disco-Pub Curvi. Lograban reunirse unhas dúas toneladas de alimentos que agora se clasificarán para proceder ao seu reparto entre as familias necesitadas destes tres concellos.

Eran tres intensos días de fútbol sala, do 28 ao 30 de decembro, con moito público e que chegaban ao seu punto álxido na noite do domingo coa gran final. Antes, pola tarde, xogábanse as dúas semifinais. Na primeira delas o Nós (Manzaneda) impoñíase ao Tinajas (Trives), mentres que na segunda era o Curvi (Trives) o que derrotaba ao Fogonozos (Montederramo).

Xa na gran final o Nós impoñíase de novo, facéndose coa vitoria do torneo cun marcador de 4 goles a 1 ao Curvi. O terceiro posto da competición correspondíalle ao Fogonazos por penalties, xa que empataba 3-3 co Tinajas, e o cuarto a este último equipo trivés.

Durante a tarde do 30 de decembro tamén tiñan lugar, entre os partidos, numerosos sorteos cos produtos doados por diferentes entidades e empresas da zona, así como partidos exhibición infantís (de nenos de Manzaneda, de Río e da Escola Municipal de Deportes de Trives) e tamén un partido de fútbol sala feminino.

Este torneo solidario remataba coa entrega de trofeos, na que se contaba coa presenza dos alcaldes de Trives e Manzaneda, así como do concelleiro de Deportes trivés e do tenente de alcalde de Río. Ademais noutro dos momentos do acto os finalistas fixéronlle pasillo aos nenos campións e subcampións de atletismo da escola municipal trivesa de deportes na recente liga galega Abanca da Escola.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button