ColaboraciónsConcellosCulturaCulturaOpiniónÚltima horaViana do BoloVídeos

O noso idioma, a nosa luz

Artigo de Concepción Dolores Sánchez dedicado a Xela Arias como autora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano 2021

 

Hoxe, 17 de maio de 2021, conmemoramos o día das Letras Galegas, lembrando a Xela Arias co lema: “O noso idioma, a nosa luz”.

O galego é o idioma que identifica a Galicia, nel advírtese a súa orixe latina, e as pegadas dos antigos idiomas, que se falaban antes da dominación romana na nosa terra galega.

Temos ante nós un idioma nobre, que foi palabra escrita nas obras literarias de importantes escritores e escritoras que plasmaron o seu sentir usando o noso idioma.

Amemos o idioma galego, pois o pobo que enxalza a súa lingua, mostra unha gran dignidade ante o mundo que o rodea.

Hoxe, día das Letras Galegas, homenaxeamos a Xela Arias Castaño, escritora, tradutora, profesora e firme defensora do noso idioma.

Xela Arias naceu no 1962 en Ortoá, Sarria, e cursou os seus primeiros estudos no colexio Fingoi, con cuxo proxecto pedagóxico estaba implicado o seu pai, Valentín Arias. Continuou a súa escolarización na escola graduada de Sárdoma e con 11 anos gañou o premio do VI Concurso de Contos Infantís O Facho. Foi alumna do Instituto Castelao en Vigo e comenza a traballar en Edicións Xerais de Galicia, licénciase en Filoloxía Hispánica e exerce como profesora de Lingua e Literatura Castelá. No 1980 publica xa traballos en revistas e xornais como A Nosa Terra e O Faro de Vigo. Tamén colabora en publicacións como Festa da Palabra Silenciada e no ano 1986 introdúcese no mundo literario co innovador poemario Denuncia do equilibrio priorizando o fondo sobre a forma.

No 1996 publica Darío a diario no que Xela ofrece unha reflexión da súa experiencia como nai desde o día a día, afastándose do tradicional.

A obra poética de Xela Arias dáse a coñecer a través de libros colectivos coma Palabra de Muller e Daquelas que cantan.

 

A autora do artigo, Concepción Dolores. Sánchez Rodríguez/ Cedida.

 

O seu último libro Intempériome editouse no ano da súa morte, 2003, e no mesmo desenvolve esas ideas sobre a morte, a enfermidade, a visión irónica de roles por sexos e a loita social por mellorar e avanzar.

A súa obra lírica publícase no ano 2018 no libro: Poesía reunida (1982 – 2004) que contén os poemarios: Denuncia do equilibrio, Tigres coma cabalos, Darío a diario e Intempériome.
Xela Arias foi unha gran renovadora da poesía galega con ese vangardismo que a vincula coa corrente da poesía da muller e da loita polo avance cara ao progreso e, tamén con esa herdanza do Rexurdimento da nosa gran Rosalía de Castro á que lle dedica este poema que tanto me gusta ler e reler:

A de quen comprende.
I
A de quen comprende non é
palabra feliz.
A de quen transmite é
terminoloxía útil.

Se na vida cotiá o balazo
non rebenta en estourido a estupidez, pouco importa intelixencia ou sentimento.

II

Inmaculábante. Eras necesaria. Inmaculante. Es o principio da camiñada.

Mira como así rabenan,
rematan esgotado o teu dereito a rebentar.

Nada novo, inmaculada Rosalía.
Tal sempre mulleres confinadas na construcción
doutros,
comprendes:
revólveseche a arma contra ti.

A de quen comprende non é
palabra de feliz.

 

Xela Arias foi unha gran innovadora, transgresora, inconformista e solidaria que soubo desenvolver a creatividade mediante a preferencia pola expresión a través da palabra defendendo sempre o idioma Galego.

A nosa Lingua Galega forma tamén a identidade de todos os galegos e galegas, é unha luz que alumea o noso andar.

 

 

O NOSO IDIOMA, A NOSA LUZ.

Luz da terra galega,
Luz dos nosos devanceiros,
Luz das nosas candeas,
Luz dos nosos aconteceres diarios,
Luz da nosa propia vida.

Texto: Concepción Dolores Sánchez Rodríguez
Grixoa – Viana do Bolo

Fotos e vídeo cedidos por Concepción Dolores Sánchez Rodríguez

 

Pazo de Grixoa (Viana do Bolo).

Artigos relacionados

Back to top button