ConcellosÚltima hora

O novo Centro de Día de Riós ten capacidade para atender a un máximo de 30 usuarios

O servizo, que entrará proximamente en funcionamento, era inaugurado esta mañá

 

Na mañá deste mércores 30 de marzo inaugurábase o novo centro de día municipal de Riós, que contou cun investimento de máis de 575.000 euros financiados polas Administracións autonómica, provincial e local. O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asistiron a este acto xunto co presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o alcalde de Riós, Francisco Armando Veiga.

A achega feita polo Goberno galego a esta nova infraestrutura para a atención ás persoas maiores ascendeu a 248.000 euros, incluído o equipamento grazas ao convenio de colaboración asinado no seu día entre a Consellería de Política Social, a través do Consorcio, e o Concello de Riós.

O xerente do Consorcio destacou a importancia da colaboración entre as distintas Administracións para “achegar servizos que melloren a calidade de vida e o benestar dos veciños que viven en concellos pequenos”. Neste sentido, subliñou que coa próxima entrada en funcionamento deste centro de día “garántese que os maiores teñan acceso a unha atención e a uns coidados de calidade moi preto das súas casas”.

O centro, que xestionará o Concello, ten unha capacidade máxima de 30 prazas e conta cunha superficie superior aos 500 metros cadrados. As instalacións dispoñen de diferentes espazos, como unha sala de rehabilitación, outra para usos polivalentes, unha destinada á atención dos futuros usuarios, zona de comedor e cociña, e outras dependencias comúns.

Artigos relacionados

Back to top button