SanidadeÚltima hora

O novo Centro de Saúde de Boborás aumentará en case un 40% a superficie do actual

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a alcaldesa, Patricia Torres, asinaron o convenio para edificar este novo centro nunha parcela cedida polo concello

 

Boborás contará cun novo centro de saúde que aumentará en case un 40% a superficie do actual. Así o anunciaba esta mañá o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nesta localidade. A tal efecto, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego e a alcaldesa deste concello, Patricia Torres, asinaron un convenio de colaboración para edificar este novo centro nunha parcela cedida polo concello.

Tal e como detallou o conselleiro, o novo centro de saúde vai ter 650 metros cadrados e nel contarase cun espazo específico para a consulta do programa da muller. Ademais, terá unha sala polivalente que poderá usarse para a atención de casos urxentes ou para a realización de técnicas. Tamén terá unha sala específica para casos de patoloxías respiratorias, co obxecto de garantir que, no caso da covid ou de calquera outra infección semellante, a atención a este paciente non comprometa nin aos outros usuarios nin aos profesionais.

Dende o punto de vista do profesional tamén haberá “unha mellora importante nas instalacións, xa que o novo centro contará cunha sala de xuntas, vestiarios e almacén. Terá, así mesmo, dúas consultas de medicina xeral e dúas de enfermería, coas dimensións establecidas nos criterios asistenciais unificados do Sergas”, segundo adianta a consellería.

En consecuencia, “vai ser un inmoble moderno para darlle aos profesionais unha contorna de traballo á altura do seu labor”, dixo o conselleiro no acto, no que tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; e o xerente da área sanitaria, Félix Rubial.

García Comesaña sinalou que Boborás será o primeiro concello da fase 1 do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, aprobado o pasado mes de outubro polo Goberno galego, que se constrúa e poña en marcha, “o que demostra a aposta da Xunta porque a cidadanía do rural reciba a mellor asistencia e porque os profesionais que exercen nestes centros traballen nas mellores condicións”. Ao respecto disto, o conselleiro destacou a celeridade do concello no proceso de identificación da parcela e no inicio dos trámites de expropiación, coa colaboración da Deputación de Ourense.

 

 

Así, a Deputación de Ourense achegará 186.000 euros para a urbanización dos terreos do novo centro de saúde de Boborás, orzamento que inclúe un aparcadoiro con 70 prazas, unha parada de autobús, a construción de beirarrúas e a instalación de colectores para a xestión de residuos. Así o destacou o vicepresidente da institución provincial, Rosendo Fernández, tras asistir hoxe á sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Boborás para a construción do novo centro asistencial.

O vicepresidente da Deputación subliñou que “a colaboración entre administracións constitúe sempre un exemplo positivo, máis importante aínda tratándose dunha infraestrutura sanitaria”. A institución provincial, sinala Rosendo Fernández, “sempre está e seguirá estando aí para cooperar na mellora dos servizos á cidadanía”, felicitando tamén á alcaldesa de Boborás “por estar sempre á procura de novos proxectos”, así como ao conselleiro de Sanidade “por atender as necesidades da veciñanza”.

 

Artigos relacionados

Back to top button